Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e empresas de referencia na industria alimentaria galega, vén de celebrar o Demo Day da súa IV Edición, un evento no cal os proxectos impulsados pola aceleradora presentan as súas solucións aos retos plantexados polo sector alimentario tras o seu paso por BFFood. Conxuntamente, o encontro acolleu a presentación da VI Edición da aceleradora, cuxa convocatoria se atopa aberta.
Así, o Auditorio do Edificio FEUGA (Santiago de Compostela) acolleu esta mañá a presentación das solucións innovadoras de emprendemento dos proxectos que formaron parte desta cuarta edición. Asimesmo, o encontro, organizado por Clusaga e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), serviu para dar a coñecer todos os aspectos relativos á convocatoria da VI Edición, cuxo prazo de presentación de proxectos permanecerá aberto ata o 15 de novembro.
A xornada, cuxa apertura correu a cargo de Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia, e de Roberto Alonso, director de Clusaga, incluíu tamén un relatorio sobre as oportunidades que plantexa a nova lei de startups, da man de Vento Abogados & Asesores; e serviu para repasar as oportunidades que ofrecen distintos fondos de investimento de apoio a emprendedores, con XesGalicia, Unirisco, Noso Capital, CaixaBank DayOne e Banco Sabadell.
Ao remate da mesma, tivo lugar unha mesa redonda sobre a experiencia e interese dos programas de emprendemento para a industria alimentaria que, moderada por AGACA, contou coa participación de representantes das empresas tractoras de BFFood Casa Grande de Xanceda, GADISA e Congalsa. O peche institucional correo a cargo de Patricia Fernández Liz, directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que salientou “o labor de BFFood no reforzo da competitividade e a transformación dixital do sector alimentario galego”.
Lean 4.0, Néboda Smart Factory 4.0, Bluemarine Oil, Enzicas, Code Contract, Proplantae, ODS Protein, Las Jellys, Nano Cell Farms, Entrii, Keyfruit, AONIR e TOTALGAC FOOD achegaron solucións nas áreas temáticas de rastrexabilidade, calidade e seguridade alimentaria; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; innovación de procesos e comercialización; e dixitalización e automatización.
Durante o seu paso polo programa de emprendemento de BFFood, estes proxectos recibiron apoio integral e especializado do sector alimentario galego en función do seu grao de desenvolvemento. Os proxectos no programa de aceleración, Lean 4.0, Néboda Smart Factory 4.0, Bluemarine Oil, Enzicas, Code Contract, Nano Cell Farms e Proplantae, desenvolveron durante 9 meses o seu produto ou servizo mínimo viable; mentres que aqueles no programa de consolidación, ODS Protein, Las Jellys, Entrii, Keyfruit, AONIR e TOTALGAC FOOD, afianzaron durante 12 meses as súas primeiras vendas.
Durante o seu paso por BFFood, todas estas startups tiveron ás principais empresas líderes do sector alimentario galego como mentoras, guiando e facilitando o seu desenvolvemento no ecosistema emprendedor, e tiveron acceso a financiación específica, en forma de subvencións a fondo perdido e préstamos participativos.
Esta IV Edición de BFFood pecha tendo desenvolvido programas de mentoring e coaching a medida para cada proxecto ao longo dos meses de duración de cada un dos programas, ademais de 85 horas de formación coordinada pola USC e impartida polas tres universidades públicas galegas.
Estas cifras son froito do traballo en común de Clusaga coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, Igape e XesGalicia; das empresas tractoras ALS Laber, CAPSA, Casa Grande de Xanceda, CEAMSA, GADISA, GALACTEUM, Grupo Lence, Grupo Nueva Pescanova, Hijos de Rivera, Innolact, Kiwi Atlántico, Torre de Núñez e Viña Costeira; das tres universidades públicas galegas e das entidades membro do Comité Técnico da aceleradora AGACA, ANFACO-CECOPESCA, FEUGA e Unirisco.
Durante o evento, Xosé Ramón Vázquez, responsable de BFFood, lembrou que a convocatoria para presentar proxectos e optar a formar parte da VI edición da aceleradora permanecerá aberta ata o 15 de novembro. De entre as candidaturas presentadas serán seleccionadas ata dez iniciativas para o programa de aceleración e ata seis para o de consolidación, co obxectivo de ofrecer solucións disruptivas para facer fronte aos novos desafíos do sector dos alimentos e as bebidas.
Ao longo das súas cinco edicións previas, BFFood ten impulsado 61 proxectos das 288 candidaturas recibidas, tanto desde España coma desde fóra do continente europeo.