As empresas participantes na IV Edición da Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), recibiron hoxe a última sesión presencial do programa formativo “Emprendemento no sector alimentario”.
O acceso a este programa formativo é un dos beneficios cos que contan os proxectos de BFFood, ademais de outros que inclúen a participación en actividades de mentorización, formación, coaching, networking e acceso a un catálogo de infraestruturas, medios e servizos técnicos.
Esta formación, coordinada e impartida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo), é, por primeira vez, un curso oficial e regulado na IV Edición na aceleradora, e tras finalizala, os alumnos recibirán un Diploma de especialización de parte das tres Universidades galegas.
O programa consta de 85 horas divididas en 8 módulos, nos cales abordáronse cuestións relativas á innovación, planificación estratéxica, internacionalización ou dixitalización, co obxectivo de dotar aos emprendedores participantes na IV Edición de BFFood das mellores ferramentas para acelerar o crecemento das súas empresas.
O día de hoxe no só supuxo o peche da formación dos proxectos pertencentes á IV Edición de BFFood, se non que tamén foi a última oportunidade para os emprendedores interesados en formar parte da V Edición de presentar as súas propostas de proxectos.
A este respecto, e tras rematar o prazo desta quinta convocatoria, nos vindeiros días procederase á selección das propostas que mellor saiban dar resposta aos retos da industria alimentaria galega, dando paso á fase eliminatoria de entrevistas a principios de febreiro de 2023.