Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) celebrou esta mañá a primeira sesión do programa de formación que ofrece aos proxectos da súa IV Edición.
Esta sesión, que tivo lugar nas instalacións do Edificio FEUGA (Santiago de Compostela), forma parte do programa denominado “Emprendemento no sector alimentario” e coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo).
Con 85 horas de duración divididas en 8 módulos, a formación abordará cuestións relativas á innovación, planificación estratéxica, internacionalización ou dixitalización, co obxectivo de dotar aos emprendedores participantes na IV Edición de BFFood das mellores ferramentas para acelerar o crecemento das empresas participantes.
Como novidade, cabe destacar que a IV Edición é a primeira na cal este programa formativo é unha formación reglada e oficial, ao remate da cal alumnos recibirán un Diploma de especialización de parte das tres Universidades Galegas.
Os emprendedores que teñan un proxecto innovador de emprendemento que dea resposta aos retos que o sector alimentario galego plantexa e pretende resolver a través de BFFood, xa poden presentarse á V Edición de BFFood. A convocatoria permanecerá aberta na web da aceleradora ata o 20 de decembro.
Entre outros beneficios, os proxectos da V Edición de BFFood poderán optar a programas de coaching, formación especializada, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos avanzados, mentoría dos líderes do sector, financiación directa e acceso a inversión, así como a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario.