9 proxectos innovadores presentan as súas solucións para o sector alimentario no Demo Day da VII Edición da Business Factory Food

25/09/2026

  • O Demo Day da VII Edición da Business Factory Food celebrouse o  23 de setembro no Hotel Palacio del Carmen, onde as startups presentaron os avances das súas solucións innovadoras
  • A xornada incluíu dúas roldas de pitch, un relatorio de Valentín García Alcocer (Eatable Adventures), unha mesa redonda sobre os retos para levar unha innovación do piloto ao mercado e a entrega do premio Best Startup 2026
  • O encontro serviu tamén para presentar a IX edición da BFFood, actualmente coa convocatoria aberta

Business Factory Food (BFFood), o programa de emprendemento e innovación especializado no sector alimentario galego, celebrou esta semana o Demo Day da súa VII edición, un encontro que reuniu en Santiago de Compostela aos proxectos participantes no programa con empresas, investidores, mentores e outros profesionais vinculados ao ecosistema alimentario.

Así, o Fórum B do Hotel Palacio del Carmen, Autograph Collection, acolleu unha xornada centrada en amosar como as solucións desenvoltas polas startups poden dar resposta aos retos actuais da industria alimentaria e avanzar cara á súa implantación no mercado. 

A apertura da xornada contou coa intervención de Roberto Alonso, director do Clúster Alimentario de Galicia, e de Raquel Rodríguez, directora xeral de XesGalicia. Ambos puxeron en valor o papel da innovación e do emprendemento como elementos clave para a evolución e competitividade do sector alimentario. “Un Demo Day é un bo momento para facer unha pausa e mirar o que se conseguiu ata agora. Diso trata a xornada, de como conseguir que un proxecto se converta nunha verdadeira oportunidade de negocio”, destacou Raquel Rodríguez.

  •         Nove proxectos presentaron as súas solucións

Un dos momentos centrais do VII Demo Day foron as dúas roldas de pitch nas que os proxectos da VII edición das fases de aceleración e consolidación presentaron os avances acadados ao longo do seu paso polo programa e as oportunidades de aplicación das súas solucións na industria alimentaria. Proxectos que dan resposta aos retos de dixitalización, automatización, desenvolvemento de novos produtos, innovación de procesos, comercialización, loxística, sustentabilidade, rastrexabilidade e seguridade alimentaria.

  1. Vanetta Food, con Águeda Ubeira: Liña de untables vexetais 100% plant-based, con alto contido proteico e longa vida útil sen refrixeración. Reinventa clásicos como a sobrasada ou o paté con ingredientes naturais, texturas cremosas e sabores intensos, pensados para un consumo flexible e saudable.
  1. RUXE (Rumbo Norte Foods), con Joaquín Rivas: Marca de conservas galegas que incorpora tecnoloxía QR para conectar cada produto coa súa orixe, receitas, contido audiovisual e experiencias turísticas. A súa proposta integra tradición, dixitalización e promoción territorial nun só modelo de negocio.
  1. Liofimar (Innocosta), con Rosa Mary González: Aposta pola valorización do peixe costeiro galego mediante procesos de liofilización. Esta técnica permite conservar as súas propiedades sen aditivos nin necesidade de frío, facilitando a súa comercialización en mercados gourmet e saudables, mesmo en destinos con barreiras loxísticas.
  1. Mareterra Conservas, con Carlos Rodríguez Diéguez: Mareterra ofrece unha innovadora liña de sobremesas enlatados sen glute, aditivos nin conservantes, elaborados con materias primas de calidade. A diferenza das sobremesas tradicionais refrixeradas ou conxelados, estes produtos teñen unha vida útil de ata 4 anos nun frasco de vidro, o que reduce os custos de transporte, almacenamento e distribución.
  1. Binarial (Troo4Food), con Rodrigo Randulfe: Desenvolvemento dun robot móbil asequible adaptado ao entorno das fábricas alimentarias. Estará deseñado para operar en espazos estreitos e húmidos, con materiais resistentes e rodas especiais, mellorando así a loxística interna e reducindo riscos operativos.
  1. Optimuu, con Aina Mena Grañó: Plataforma baseada en intelixencia artificial para a optimización preditiva da alimentación en explotacións de vacún leiteiro. Recolle e interpreta datos de campo para mellorar a eficiencia alimentaria, reducir o desperdicio e favorecer o benestar animal.
  1. BOGABOGA Solucións en Rede, con Julio Doamo Vázquez: Desenvolven solucións tecnolóxicas orientadas a reducir o desperdicio alimentario. A través de ferramentas dixitais, conecta empresas do sector baixo principios de transparencia, información fiable, exclusividade e respecto aos tempos de negociación.
  1. Agro4Data, con José de Luna Delgado: Plataforma tecnolóxica que proporciona predicións agrícolas personalizadas a través de intelixencia artificial. Sen necesidade de hardware propio, permite anticiparse a riscos como xeadas, pragas ou desequilibrios hídricos, axudando a optimizar cultivos e decisións agronómicas.
  1. Masel, con Román Pérez Mandado: Plataforma de xestión para o sector hoteleiro que transforma os datos en accións rendibles e sustentables. Reduce as perdas grazas á trazabilidade e un menú dinámico, xestiona as reservas fantasma mediante o cobro automático aos clientes e optimiza a planificación do persoal calculando o punto de equilibrio por hora.

Da colaboración entre startups ao salto ao mercado

A programación incluíu tamén o relatorio “Innovar para escalar: que está a aprender a industria da colaboración con startups”, impartido por Valentín García Alcocer, VP of Innovation Strategy de Eatable Adventures. Unha intervención que abordou a evolución da relación entre startups e industria e as claves para construír colaboracións capaces de xerar valor e facilitar a incorporación de novas solucións aos procesos e modelos de negocio das empresas alimentarias. 

Posteriormente, a mesa redonda “Do piloto ao negocio: que fai falta para escalar unha innovación na industria alimentaria?” reuniu tres perspectivas complementarias do ecosistema: Maruxa Quiroga, CEO de TasteLab/Sensesbit; Julio Martínez Rumbo, Responsable de Proxectos Estratéxicos e Desenvolvemento Corporativo de CEAMSA; e Antonio Tornero, Xerente de Investimentos de Clave Capital. A conversa centrouse nos factores que condicionan o paso dunha solución innovadora desde a fase de desenvolvemento ou piloto ata a súa implantación efectiva no mercado, abordando cuestións como a colaboración coa industria, a validación das solucións, o financiamento e as condicións necesarias para favorecer o crecemento das startups.

 Premio “Best Startup 2026”

Durante as roldas de presentación, os asistentes tiveron a oportunidade de votar a mellor startup escollendo entre as empresas participantes do evento. Finalmente, o premio “Best Startup 2026” foi para Optimuu, recollido pola súa fundadora e CEO, Aina Mena Grañó. As mencións de honra foron para Vanetta Food (recollido por Águeda Ubeira, CEO e fundadora), co segundo posto, e para Masel (recollido por Román Pérez, CEO), co terceiro.

IX edición BFFood

O encontro serviu tamén para celebrar o Info Day da IX edición da BFFood, cuxa convocatoria permanece aberta. Noelia Dosil, Coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento do Clúster Alimentario de Galicia, foi a encargada de presentar as principais novidades da novena edición, así como as oportunidades e recursos que BFFood pon á disposición dos proxectos innovadores que buscan desenvolver e facer medrar as súas solucións no ámbito alimentario.

Os profesionais interesados poden consultar as bases da convocatoria e presentar a súa candidatura a través da páxina web de BFFood. O prazo de inscrición para o programa de incubación remata o 7 de outubro, mentres que o correspondente ao programa de consolidación permanece aberto ata o 17 de novembro.

Coa celebración do VII Demo Day, a BFFood continúa consolidando o seu papel como punto de encontro entre emprendemento, coñecemento, investimento e industria, facilitando a creación de novas oportunidades de colaboración e contribuíndo ao desenvolvemento dun sector alimentario máis innovador e competitivo.

Business Factory Food (BFFood) é un programa especializado no impulso do emprendemento e a innovación no sector alimentario galego, promovido pola Xunta de Galicia e dinamizado polo Clúster Alimentario de Galicia, co apoio do IGAPE e XesGalicia e a participación de empresas de referencia do sector.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

11/09/2026

Innovación alimentaria en acción: así será o Demo Day da VII edición de BFFood

O encontro celebrarase o 23 de setembro no Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela Reunirá os proxectos da VII edición con empresas, mentores, investidores e […]
05/08/2026

Aberta a convocatoria para sumarse á IX Edición da Business Factory Food

O programa Business Factory Food (BFFood) abriu a inscrición para a súa IX edición, ofrecendo unha oportunidade única de crecemento para as startups do sector alimentario […]
✕