Innovación alimentaria en acción: así será o Demo Day da VII edición de BFFood
11/09/2026
- O encontro celebrarase o 23 de setembro no Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela
- Reunirá os proxectos da VII edición con empresas, mentores, investidores e outros axentes do ecosistema alimentario
O Demo Day da VII edición de Business Factory Food (BFFood) volverá converterse este 23 de setembro nun punto de encontro para a innovación alimentaria. O Forum B do Hotel Palacio del Carmen, Autograph Collection (Rúa das Oblatas, S/N, 15703 Santiago de Compostela), acollerá unha xornada na que as startups participantes terán a oportunidade de presentar os seus avances e solucións ante representantes da industria, mentores e investidores.
Entre as 09:30 e as 13:45 horas, o programa combinará presentacións de proxectos, relatorios, mesas redondas e espazos de networking.
- Do proxecto ao mercado
A programación dará comezo ás 09:30 horas coa recepción de asistentes e apertura da xornada, e continuará co relatorio “Innovar para escalar: que está a aprender a industria da colaboración con startups”, impartido por Valentín García Alcocer, VP of Innovation Strategy en Eatable Adventures.
Un dos principais momentos do encontro serán as dúas roldas de pitch nas que participarán os proxectos da VII edición da BFFood. Estarán protagonizadas por iniciativas da fase de aceleración, permitindo coñecer de primeira man as solucións e avances desenvoltos ao longo do programa.
A xornada contará tamén cunha pausa café e un espazo de proxectos, no que as persoas asistentes poderán coñecer os stands das startups participantes e establecer novas conexións.
O programa continuará cunha mesa redonda arredor dunha cuestión clave para o sector: “Do piloto ao negocio: que fai falta para escalar unha innovación na industria alimentaria?” A conversa reunirá tres perspectivas complementarias do ecosistema: Maruxa Quiroga, CEO de TasteLab/Sensesbit; Julio Martínez Rumbo, Responsable de Proxectos Estratéxicos e Desenvolvemento Corporativo de CEAMSA; e Antonio Tornero, Xerente de Investimentos de Clave Capital.
O obxectivo será afondar nos factores que permiten transformar unha solución innovadora nunha oportunidade real de negocio e avanzar cara á súa implantación e crecemento dentro da industria alimentaria.
- IX Info Day: Presentación da IX edición de BFFood
O encontro servirá tamén para mirar cara ao futuro. Ás 13:25 horas, Noelia Dosil, Coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento do Clúster Alimentario de Galicia, presentará a IX edición da BFFood, actualmente con convocatoria aberta.
A sesión permitirá coñecer as oportunidades de participación e as diferentes vías que ofrece o programa para apoiar proxectos innovadores vinculados ao sector alimentario, ademais de resolver dúbidas. As persoas interesadas en participar na nova edición poden consultar a convocatoria e presentar a súa candidatura a través da web da BFFood.
O Demo Day rematará ás 13:45 horas cunha comida networking e un novo espazo para visitar os proxectos, poñendo o peche a unha xornada deseñada para favorecer o contacto entre emprendemento, industria, coñecemento e investimento.
Comparte esta noticia




