Falamos con Fernando Fernández-Valdés, CTO do proxecto Muutech
«Ser unha empresa referente en monitorización, con presenza internacional e percibida como local en cada mercado, en continuo crecemento e na procura de solucións aínda máis innovadoras que melloren a competitividade e a sustentabilidade dos seus clientes a través dos seus servizos». Esta é a carta de presentación de Muutech, proxecto seleccionado na primeira edición de BFFood que está a ser mentorizado por José Miguel Rivero, director de planta de Calvo.
Falamos con Fernando Fernández-Valdés, CTO de Muutech, para coñecer en detalle este innovador proxecto.
- Por que decidistes presentarvos a BFFood?
Coa nosa idea e un bo asesoramento estamos convencidos de que podemos atopar as funcionalidades necesarias para encaixar no que demanda o sector e, á súa vez, achegar valor ás empresas. Por iso, apostamos por presentarnos a BFFood.
- Como xurdiu a idea do voso proxecto?
A idea xorde a partir da necesidade que detectamos, en gran parte das empresas e sectores industriais, dun maior control dos procesos produtivos para garantir a eficiencia dos mesmos.
Para mellorar hai que medir, o que, á súa vez, axuda a tomar decisións en base a información e non en suposicións. Nós proporcionamos esta información de maneira sinxela, facilitando a toma de decisións nas empresas, sendo un elemento clave entre produción e negocio e sen ser un Enterprise Resource Planning (ERP), Manufacturing Execution System (MES) ou programa de BI, pero podendo interactuar con calquera deles.
- Que achegades de novidoso ao sector?
En Muutech ofrecemos unha forma doada de visualizar de maneira gráfica o impacto que ten unha determinada característica da materia prima no produto rematado en tempo real, de forma directa, rápida e fiable.
- Que tecnoloxías usades para o desenvolvemento do voso proxecto?
A base do noso proxecto susténtase en tecnoloxías e ferramentas open source, que nos permiten avanzar moi rápido e ter un produto funcional en moi pouco tempo, ademais de realizar desenvolvementos propios que potencian a nosa ferramenta principal. Todo isto combinámolo con tecnoloxías IoT, intelixencia artificial, monitorización distribuída e tecnoloxías web.
- Formades parte da aceleradora da industria alimentaria galega, como definiríades o sector?
É un sector moi competitivo, onde, ao noso parecer, existe unha gran diferenza entre as grandes corporacións que invisten en dixitalización e tecnoloxía e as pemes ás que, con marxes máis axustadas, lles custa máis investir neste tipo de cousas.
Cremos, en comparación con outros sectores industriais nos que temos experiencia, como a automoción ou a enerxía, que á industria alimentaria lle custa máis investir en tecnoloxía, polo que existe un potencial moi grande de mellora por parte das empresas. E é aquí onde Muutech trata de axudar.
- En BFFood contades con José Miguel Rivero, director de planta de Calvo, como mentor; que significa isto para vós?
Estamos encantados co noso mentor! Sabemos que nos dará unha visión moi boa do sector grazas á súa experiencia tanto na parte operativa como na de negocio.
- Que está a supoñer BFFood para vós e para o voso proxecto?
BFFood estanos a dar unha gran visibilidade dentro do sector alimentario galego. Ademais, ofrécenos a oportunidade de asistir a eventos de networking, visitar plantas produtivas e coñecer de forma directa a forma de traballar da industria.
Ademais, o feito de poder contar cun mentor dunha gran empresa, como é Calvo, axúdanos a traballar no camiño correcto.
- Como agardades que estea o voso proxecto cando remate o programa de aceleración de BFFood?
Un dos nosos obxectivos principais é aprender o máximo posible do sector da alimentación para ter un produto mínimo viable ao finalizar BFFood. Cremos que imos polo bo camiño e que Muutech terá boa acollida.
- Por que recomendarías BFFood a outros emprendedores?
É unha fantástica maneira de establecer sinerxías entre empresas en base ás necesidades do sector alimentario galego, un dos máis potentes tanto a nivel rexional como nacional.
- Cal vos gustaría que fose o claim da vosa empresa e aquilo polo que vos vexan diferente ao resto de empresas?
Monitoring Made Easy. En Muutech facemos que a monitorización, a toma de datos, os cadros de mando e a información predictiva sexa doada e accesible para todo tipo de empresas, axudando a tomar decisións informadas e impactando positivamente na conta de resultados da empresa.
Comparte esta noticia




