Monkey Market: o software en liña que axudará ás empresas alimentarias na súa conquista do mercado chinés

Sebastian Wornham e Iago Sanmartín decidiron traballar no desenvolvemento dun software en liña que puxese fin ás carencias que atoparan durante a súa experiencia en transaccións comerciais entre Europa e China en empresas do sector da alimentación. Así xurdiu Monkey Market, un proxecto que foi seleccionado na primeira edición de BFFood e que está sendo mentorizado por Rosana Domínguez, directora de mercadotecnia de Quescrem, e Carlos López, director xeral de Quescrem.

Para coñecelo en detalle falamos con Sebastian Wornham e Iago Sanmartín, promotores e cofundadores de Monkey Market.

  1. Como xurdiu a idea do voso proxecto?

Despois de traballar tres anos en comercio internacional e especializarnos en China, detectamos unha serie de carencias comúns entre exportadores e importadores. Impulsados por eles, decidimos facer realidade unha ferramenta, tan necesaria como innovadora, co obxectivo de modernizar un sector.

  1. Como o modernizades?

A través dunha nova forma de realizar operacións, que integra todos os elementos necesarios para que exportadores e importadores europeos e chineses tomen as súas decisións de compra/venda de xeito automatizado, intuitivo e simple.

Monkey Market deixa atrás as exportacións esporádicas, para así estar preparados para competir de xeito representativo no mercado destino e multiplicar as súas opcións de éxito.

  1. Que tecnoloxías utilizades para iso?

Big data, analytics, metasearch engine e business intelligence.

  1. Formades parte da aceleradora da industria alimentaria galega, como definiríades o sector?

O sector de alimentos e bebidas galego é un dos máis potentes a nivel mundial e está á cabeza en innovación, ademais conta cunha calidade de produto ao alcance de moi poucos.

  1. En BFFood contades co apoio de Rosana Domínguez e Carlos López, de Quescrem, como mentores. Que está a significar isto para vós?

Un dos valores diferenciais de BFFood fronte a outras aceleradoras é a calidade dos mentores. Non podemos estar máis contentos e agradecidos por poder contar coa axuda de Quescrem, xa que a súa filosofía encaixa perfectamente co que nós pensamos. Neste tempo, decatámonos da calidade profesional e persoal do seu equipo e a disposición que teñen de axudarnos a acadar o noso obxectivo.

  1. En xeral, que está a achegar BFFood a Monkey Market?

Un salto de calidade xigantesco. BFFood achega todos os elementos necesarios para desenvolver e mellorar o noso produto nun período de tempo reducido. Ademais, apórtanos acceso a grandes profesionais e ao respaldo das entidades colaboradoras.

  1. Que obxectivo vos marcastes no voso proceso de aceleración?

Ter o mellor produto posible avalado polas empresas colaboradoras e listo para que o mercado o reciba como a alternativa real ás prácticas actuais.

  1. Por que recomendarías BFFood a outros emprendedores?

Porque ofrece todas as ferramentas necesarias para sacar o máximo rendemento ao teu proxecto.

  1. Como vos gustaría que identificasen a Monkey Market?

Como unha empresa que non só intenta cambiar as prácticas tradicionais do sector, senón que, ademais, facilita ás pemes o acceso a mercados tan complexos como atractivos, apostando sempre por unha innovación constante.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

22/12/2020

BFFood impulsa 20 proxectos no sector alimentario galego no último ano

Os proxectos supuxeron un investimento directo de máis de 400.000 € e a xeración de 29 novos postos de traballo relacionados coa transformación dixital e a industria 4.0 no sector alimentario.
23/09/2019

AlphaCloud, o proxecto de BFFood que analiza e optimiza os procesos de curación do xamón

Álvaro Dosil, director técnico de AlphaCloud, explica en que consiste este proxecto seleccionado na primeira edición de BFFood, que está a ser mentorizado por José Manuel Núñez, conselleiro delegado de Torre de Núñez.