A industria alimentaria galega busca solucións innovadoras de emprendemento para a V Edición de BFFood

  • Impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia, esta aceleradora vertical do sector alimentario seleccionará ata un total de 16 proxectos innovadores
  • Emprendedores, novas empresas, spin offs e startups poderán presentar as súas candidaturas ata o 20 de decembro ás 14.00 horas, a través da web de BFFood
  • As empresas líderes máis destacadas da industria alimentaria en Galicia mentorizarán os proxectos seleccionados

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), abre o prazo de presentación de proxectos para optar a formar parte da súa V Edición. O proceso de selección pechará o vindeiro 20 de decembro ás 14.00 horas.

De entre as propostas presentadas a esta convocatoria seleccionaranse un total de 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria galega.

BFFood impulsou ao longo das súas tres edicións un total de 47 proxectos das 255 candidaturas recibidas, tanto desde España como desde fóra do continente europeo. Nesta nova edición escollerá ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e ata seis para o de consolidación, de 12 meses de duración.

Dúas modalidades

As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora aliñada con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario a través da aceleradora poderán presentar as súas candidaturas a unha das dúas modalidades que esta ofrece. A modalidade de aceleración consiste nun programa de apoio integral enfocado a iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean a desenvolver un produto ou servizo mínimo viable e esbozado un modelo de negocio. A modalidade de consolidación é un programa de apoio integral enfocado a empresas xa constituídas cun produto ou servizo definido.

Para ambas as modalidades, especializadas no sector alimentario, BFFood ofrece programas de coaching, formación especializada, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos avanzados, mentoría dos líderes do sector, financiamento directo e acceso a investimento, así como a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario.

Retos propostos

BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos formulados polas empresas do sector da alimentación: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén se formula un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.

Mentoring e apoio económico

Os proxectos seleccionados na quinta edición de BFFood disporán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, os proxectos do programa de aceleración poderán acceder a unha axuda de 25.000€ a fondo perdido por parte de Gain, así como optar a un préstamo participativo de ata un máximo de 50.000€ a través de XesGalicia. Os proxectos do programa de consolidación poderán optar a acceder a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.

Cada proxecto seleccionado contará con mentoría específica dunha ou máis das empresas alimentarias tractoras de BFFood. Estas encargaranse de conducir a súa evolución e guialos no seu desenvolvemento, facilitando a aliñación da proposta de valor coa resolución do reto. Nesta quinta edición, as empresas mentoras de BFFood son Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Clavo Food Factory, CEAMSA, Congalsa, CLUN, Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, ALS Laber, DS Smith, Grupo Lence, Grupo Pereira, Larsa, Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez, Viña Costeira, Vegalsa, Casa Grande de Xanceda e Hijos de Rivera.

BFFood está xestionada por un consorcio liderado polo Clusaga que, ademais, inclúe no seu comité técnico a participación da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, AGACA, ANFACO CECOPESCA e FEUGA.

Infoday da V Edición de BFFood

Para presentar esta V Edición, dar a coñecer os beneficios asociados a participar en BFFood e resolver todas as dúbidas respecto dos programas de apoio que ofrece a aceleradora e do proceso para participar, Clusaga e FEUGA organizan o vindeiro 4 de novembro, ás 10.00 horas, o Infoday da V Edición de BFFood. O evento, que terá lugar en Santiago de Compostela, servirá para recapitular os logros de pasadas edicións, facer networking e abordar desde distintas perspectivas a innovación, o emprendemento e os futuros retos do sector alimentario.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

24/09/2025

Estes son os 16 proxectos protagonistas da VII edición en aceleración e consolidación

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora de referencia do sector alimentario galego, volve situarse no centro da innovación coa selección de 16 proxectos emprendedores que […]