Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), abre na súa web o prazo de presentación de proxectos para optar a formar parte da súa V Edición. O proceso de aceptación de solicitudes pechará o 20 de decembro ás14.00 horas.
Das propostas presentadas a esta convocatoria seleccionaranse 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais coma internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria galega.
BFFood ten impulsado ao longo das súas catro edicións a un total de 47 proxectos das 255 candidaturas recibidas, tanto desde España coma desde fóra do continente europeo. Nesta nova edición escollerá ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e ata seis para o de consolidación, de 12 meses de duración.
As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora aliñada con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario a través da aceleradora, poden presentar a súa candidatura a unha das dúas modalidades de BFFood. A modalidade de aceleración consiste nun programa de apoio integral e enfocado a iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean desenvolvendo un produto ou servizo mínimo viable e esbozando un modelo de negocio. A modalidade de consolidación é un programa de apoio integral e enfocado a empresas xa constituídas, cun produto ou servizo definido e aliñado cos retos plantexados por BFFood.
Para ambas modalidades, especializadas no sector alimentario, BFFood ofrece programas de coaching, formación especializada, acceso a infraestructuras científico-técnicas e servizos avanzados, mentoría dos líderes do sector, financiamento directo e acceso a inversión, así como a unha rede de netoworking no ecosistema de innovación alimentario.
BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos plantexados polas empresas do sector da alimentación: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén está plantexado un reto aberto para cualquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.
Os proyectos seleccionados na quinta edición de BFFood disporán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, os proxectos do programa de aceleración poderán acceder a unha axuda de 25.000€ por parte de Gain, así como optar a un préstamo participativo de ata un máximo de 50.000€ a través de XesGalicia. Os proxectos do programa de consolidación poderán optar a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.
Cada proxecto seleccionado contará coa mentoría específica dunha ou máis das empresas alimentarias tractoras de BFFood. Estas ocuparanse de conducir a súa evolución e guialos no seu desenvolvemento, facilitando o aliñamento da proposta de valor coa resolución do reto. Nesta V Edición, as empresas mentoras de BFFood son Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Clavo Food Factory, CEAMSA, Congalsa, CLUN, Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, ALS Laber, DS Smith, Grupo Lence, Grupo Pereira, Larsa, Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez, Viña Costeira, Vegalsa, Casa Grande de Xanceda e Hijos de Rivera.
BFFood está xestionada por un consorcio liderado por Clusaga que, ademais, inclúe no seu comité técnico a participación da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, AGACA, ANFACO CECOPESCA e FEUGA.
Para presentar esta V Edición, dar a coñecer os beneficios asociados a participar en BFFood e resolver todas as dúbidas ao respecto dos programas de apoio que ofrece a aceleradora e do proceso para participar, Clusaga e FEUGA organizan o 4 de novembro, ás 10.00 horas, o Infoday da V Edición de BFFood. O evento, que terá lugar en Santiago de Compostela, servirá para recapitular os logros de pasadas edicións, facer networking e abordar desde distintas perspectivas a innovación, o emprendemento e os futuros retos do sector alimentario.