Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), presentou esta mañá, en Santiago de Compostela, todos os detalles da súa V Edición.
BFFood busca captar o talento de ata 16 iniciativas innovadoras de emprendemento, en fase de aceleración ou consolidación, de procedencia nacional ou internacional, para dar resposta aos retos do sector alimentario de Galicia. Segundo foi anunciado durante o Infoday, o evento organizado por Clusaga e FEUGA para presentar a V Edición da aceleradora, o prazo de presentación de proxectos a esta nova convocatoria de BFFood estará aberto ata o 20 de decembro ás 14.00 horas.
O obxectivo da xuntanza foi o de presentar a nova edición da aceleradora e resolver todas as dúbidas dos asistentes. Asimesmo, serviu para recapitular os logros das anteriores edicións de BFFood; e abordar a innovación, o emprendemento e os futuros retos do sector alimentario.
A apertura do acto contou coa participación do director de Clusaga, Roberto Alonso, que deu a benvida aos asistentes e puxo en valor “o percorrido dos 47 proxectos innovadores impulsados nas catro edicións anteriores de BFFood”. A continuación, Patricia Fernández, directora da Área de Servizos de GAIN, salientou que a aceleradora “abre a porta á innovación e ao mercado, dando unha oportunidade única para que emprendedoras e emprendedores ofrezan solucións e amosen a súa valía”. Pechou a benvida Francisco Javier Pereiro, director xeral de FEUGA, poñendo o acento “na forza do sector foodtech en España, que representa unha das grandes áreas de emprendemento no noso país” e, por tanto, salientando “a importancia da BFFood para impulsar proxectos innovadores en Galicia”.
Seguiu a intervención de Emilio Corchado, CEO e fundador de Startup Olé, que presentou unha visión integral do panorama actual do ecosistema de innovación e emprendemento en España. “A conectividade interrexional apunta á importancia de polos de crecemento dispersos por todo o territorio, coma xa é o caso de Galicia, grazas ao importante papel das aceleradoras”, indicou Corchado. “BFFood é un moi bo exemplo de como acelerar proxectos partindo dunha idea clara”, concluía o CEO e fundador de Startup Olé.
A continuación, tivieron lugar dúas mesas redondas. Na primeira delas participaron representantes de proxectos que foron impulsados en pasadas edicións de BFFood para contar a súa experiencia. En concreto, interviron Maruxa Quiroga, CEO e cofundadora de TasteLab & SENSESBIT; Alfredo Bermúdez de Castro, CEO e cofundador de Healthinfoods; e Víctor J. Calvo, CEO e director xerente de MUUTECH. En representación de Nueva Pescanova, unha das 22 empresas tractoras de BFFood, moderou a mesa Chini Porro, xefa de Xestión I+D e Proxectos desta entidade.
Este coloquio puxo en valor o labor de BFFood e das empresas tractoras implicadas na aceleradora. Os participantes da mesa salientaron que grazas a BFFood “tiveron a oportunidade de entrar a traballar no sector alimentario, adquirindo experiencia, testeado ideas da man de empresas líderes e adquirindo experiencia industrial”.
Na segunda mesa participaron membros do Comité Técnico de BFFood para presentar todos os detalles da V Edición da aceleradora. Xosé Ramón Vázquez, responsable de BFFood en Clusaga, recapitulou os pasos da aceleradora desde o seu nacemento en 2018, e presentou os retos do sector alimentario galego aos que os proxectos que opten á V Edición deberán buscar solución, e ás empresas tractoras de BFFood. O acompañaron Noelia Vilar, directora de Innovación e Transferencia Tecnolóxica de FEUGA; Higinio Mougán, director xerente de AGACA; e Mª Ángeles Romero, catedrática da Área de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, que presentaron os programas de formación, training e coaching que ofrece a aceleradora.
Para clausurar a xornada interviu Roberto Alonso, director de Clusaga, que agradeceu a participación dos presentes e animoulles a presentar o seu proxecto a BFFood, lembrando que “o prazo de presentación de proxectos finaliza o 20 de decembro”. Pola súa banda, Fany Suárez, subdirectora da Oficina Galicia Emprende do IGAPE, salientou “a grande implicación do sector alimentario na BFFood, tanto das empresas tractoras coma do propio Clúster Alimentario de Galicia”. O evento rematou cun café durante o cal os asistentes tiveron a oportunidade de establecer contacto e facer networking con algunhas das máis destacadas empresas do sector alimentario galego.
Os proxectos seleccionados na quinta edición da aceleradora optarán a programas de coaching, formación especializada, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos avanzados, mentoría dos líderes do sector, financiamento directo e acceso a inversión, así como a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario.
Ademais disporán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, os proxectos do programa de aceleración poderán acceder a un financiamento de 25.000€ por parte de Gain, así como optar a un préstamo participativo de ata un máximo de 50.000€ a través de XesGalicia. Os proxectos do programa de consolidación poderán optar a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.
Por outra banda, os proxectos seleccionados contarán co apoio das grandes empresas tractoras do sector. En concreto, Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Clavo Food Factory, CEAMSA, Congalsa, CLUN, Gadis, GALACTEUM, Kiwi Atlántico, Laber, DS Smith, Grupo Lence, Grupo Pereira, Larsa, Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez, Viña Costeira, Vegalsa, Casa Grande de Xanceda e Hijos de Rivera son empresas tractoras desta V Edición da aceleradora.