Foods & Wines From Spain (FWS), a marca de ICEX para a promoción exterior de alimentos e bebidas, acaba de publicar a segunda edición do informe Foodtech in Spain: Moving Spanish Food System Forward, un documento que aborda a consolidación do sector FoodTech dentro da cadea de valor dos alimentos en España e salienta as iniciativas desenvolvidas neste eido ao longo do 2021.
Entre elas, o informe salienta o labor da aceleradora Business Factory Food (BFFood), impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), que apoiará 44 proxectos foodtech en 2022, e que acaba de lanzar a convocatoria para participar na súa IV Edición.
O informe tamén salienta o forte incremento en inversións nacionais e internacionais para impulsar a innovación no sector FoodTech coma un dos fitos que converten 2021 nun ano crucial neste eido.
Foodtech in Spain: Moving Spanish Food System Forward pon en valor o labor de AECOC e FIAB, que prestan unha ampla gama de servizos e aglutinan gran parte do tecido empresarial da industria de alimentación e bebidas en España. Ademais, reivindica o papel fundamental que xogan os clústeres ao facilitar a colaboración e mobilización de diferentes axentes para acceder ás axudas da Unión Europea. Este é o caso da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food de Clusaga e o Igape, destinada a facilitar a captación dos Fondos Next Generation.
O informe tamén recolle que a industria de alimentación e bebidas en España é a principal actividade da industria manufactureira estatal. Segundo os últimos datos publicados polo INE, a facturación do sector ascende a 130.795,8 millóns de euros, o que representa o 23,3% do sector industrial, o 22,1% das persoas ocupadas e o 19,2% do valor engadido. Ademais, esta industria engloba a 30.573 empresas, o 15,6% do tecido empresarial español.