Clusaga participa no demo-day do IX programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) participou no demo-day do IX programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias organizado pola Fundación Juana de Vega, onde seis iniciativas emprendedoras que participaron no mesmo amosaron os seus proxectos.

Proxectos presentados

O proxecto Siitake do Suído, promovido por Raquel Suárez Ogando, céntrase no cultivo de cogomelo Shiitake en tronco natural de carballo e castiñeiro, aproveitando a masa forestal refugada para darlle un novo uso de xeito sostible e ecolóxico. Tamén contempla a venda de troncos inoculados con micelio para cultivo propio e un programa de turismo agroforestal con obradoiros de iniciación ao cultivo de cogomelos.

RUMI, un proxecto da empresa Innogando – que participa na Business Factory Food (BFFood) de Clusaga – permite, mediante un colar, monitorizar o gando vacún. Esta solución, ademais de localizar mediante GPS ao gando, permite detectar celos, enfermidades, fugas e outras situacións de interese, enviando alertas ao gandeiro a través da aplicación móbil.

Alejandro Tartaglione presentou Zumiño, un proxecto agroalimentario situado na comarca do Baixo Miño e dedicado ao cultivo ecolóxico de mazás para obter zumes funcionais prensados en frío.

A explotación gandeira Casa Barbeiro, situada na parroquia de Lagoa (Alfoz) e dirixida por Juanjo Fraga, presentou o proxecto do mesmo nome, cuxo obxectivo consiste na produción de queixos afumados seguindo a receita e tradición da zona.

Traloagro dedícase á cría de gando, transformación e comercialización de produtos cárnicos ecolóxicos certificados. O proxecto, presentado por Isabel Gómez, está nunha fase de crecemento buscando unha comercialización multicanle dos preparados cárnicos a nivel internacional.

Yolanda Cela presentou o proxecto La abuela Delfina, cuxo obxectivo reside na elaboración de produtos derivados do porco de xeito artesanal, respectando a receita familiar herdada da avoa, usando materias primas diferenciadas, sen aditivos químicos, e curado de forma natural con leña de carballo, conservando así sabores de outrora.

A xornada rematou coa presentación do proxecto de Vía Argentea, promovido por José Ramón González e dedicado á produción e comercialización de carne de tenreira de alta calidade, producindo de forma sostible en base a pastoreo, forraxe e cereais de produción propia.

X programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias

A Fundación Juana de Vega vén de lanzar a X edición deste programa, dirixida a empresas e emprendedores dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como a proxectos e servizos noutros campos relacionados que contribúan ao desenvolvemento do medio rural de Galicia.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

24/09/2025

Estes son os 16 proxectos protagonistas da VII edición en aceleración e consolidación

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora de referencia do sector alimentario galego, volve situarse no centro da innovación coa selección de 16 proxectos emprendedores que […]