BFFood presenta a súa IV Edición nunha xornada sobre innovación, emprendemento e os futuros retos do sector alimentario

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), lanzou a súa IV Edición para captar talento e atopar un máximo de doce proxectos innovadores en fase de aceleración ou de consolidación, e que den resposta aos retos reais presentados polas empresas do sector alimentario. O prazo de presentación de iniciativas, que se mantén aberto desde o pasado 2 de febreiro na web da aceleradora, remata o vindeiro 13 de maio ás 14.00 horas.

Desenvolvemento da xornada

O Infoday celebrado o 3 de maio, organizado por Clusaga e FEUGA, serviu para presentar todos os detalles da IV Edición da aceleradora e para recapitular os logros das anteriores, ademais de abordar a innovación, o emprendemento e os futuros retos do sector alimentario. O evento contou coa participación do vicepresidente de Clusaga, Ignacio Losada, que puxo en valor “o percorrido dos 25 proxectos innovadores impulsados nas tres edicións anteriores da BFFood”. A continuación, pronunciaron unhas palabras de benvida Rubén Aguión, director de XesGalicia, e Francisco Javier Pereiro, director xeral de FEUGA.

Tras estas intervencións tivo lugar a presentación do informe da Fundación Europea INTEC sobre as tendencias do sector Agrifood en 2022, que levou a cabo o seu vicepresidente, Juan Franscisco Delgado. O poñente aproveitou para transmitir os seus parabéns pola iniciativa que supón a BFFood, dado que “resulta difícil atopar semellante unidade na innovación da cadea agroalimentaria”.

A continuación, tiveron lugar dúas mesas redondas. Na primeira delas, Rubén Recamán, CEO de Galinsect; e Iria Varela, CEO de ODS Protein, falaron desde a súa experiencia como proxectos que formaron parte de edicións anteriores da BFFood. O primeiro destacou o “papel decisivo que tivo a BFFood para sacar o seu proxecto adiante”, mentres que Varela valorou positivamente “a relación coas empresas mentoras como clientes potenciais”.

Acompañáronos Yago Campos, director de I+D+i de Hijos de Rivera; e Pedro Arenas, responsable de innovación aberta de CEAMSA, en virtude de membros de dúas das empresas mentoras da aceleradora. Campos puxo o foco na importancia de poñer “paixón á hora de facer as cousas”, mentres que Arenas falou de como a BFFood permite “abordar a innovación desde un enfoque integral”.

Posteriormente, na segunda mesa, Xosé Ramón Vázquez, novo responsable de BFFood, recapitulou os pasos da aceleradora desde o seu nacemento en 2018. Tamén presentou os retos reais das empresas alimentarias ás que os proxectos participantes deben buscar solucións, e ás 22 empresas tractoras que participan nesta cuarta edición.

Acompañárono Noelia Vilar, xestora de Transferencia Tecnolóxica e Valorización de FEUGA, que convidou aos presentes a “aproveitar as oportunidades da cadea de valor alimentaria, sumándose a oportunidades como a que supón BFFood”; Yolanda Falcón, directora de Xestión de Participadas de XesGalicia, que declarou a súa intención de “compartir os éxitos dos novos proxectos da aceleradora”; e Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco, que se amosou “agradecida por poder colaborar coa aceleradora”, e insistiu na importancia da “transferencia ao mercado do desenvolvemento científico”.

Para pechar a xornada, Roberto Alonso, xerente do Clúster Alimentario de Galicia, lembrou aos presentes que o vindeiro 13 de maio pecha o prazo da convocatoria para presentar candidatura para a BFFood. Como broche final, Patricia Fernández, de GAIN, agradeceu “a execución das edicións previas”, destacando o “compoñente da BFFood que permite dar resposta aos retos do futuro”.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

24/09/2025

Estes son os 16 proxectos protagonistas da VII edición en aceleración e consolidación

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora de referencia do sector alimentario galego, volve situarse no centro da innovación coa selección de 16 proxectos emprendedores que […]