Financial Times e Statisa veñen de lanzar, neste mes de marzo, o reporte “Europe’s Leading Startup Hubs 2024“, unha publicación que inclúe un ranking europeo de 125 programas de aceleración empresarial para startups, e que outorga á Business Factory Food (BFFood) o posto 57.
O lugar acadado pola aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), resulta especialmente relevante ao ter en conta que o seu ano de fundación, 2019, é o máis recente dos que figuran neste listado, compartido só por outras 5 aceleradoras rexistradas nel.
O “Europe’s Leading Startup Hubs 2024” é resultado de meses de investigación, que incluíron convocatorias públicas de participación, o lanzamento de enquisas e unha considerable investigación documental. Todo o anterior, permitiu identificar os 125 mellores programas de aceleración e incubación de Europa, de entre varios miles de candidatos. Así, este recoñecemento permite destacar o labor de BFFood, outorgándolle o título dun dos principais centros de creación de empresas de Europa en 2024.
Tendo en conta o anterior, o obxectivo de BFFood é seguir mellorando os servizos prestados e o impacto acadado. Para iso, Clusaga, entidade dinamizadora da aceleradora, está a liderar o consorcio do proxecto europeo Food-scalEUp, unha iniciativa que busca traballar en colaboración con outras aceleradoras europeas para incrementar a calidade dos servizos e o número de scaleups.