Coñecemos o proxecto Essence Food Technologies da man do seu CIO, Pablo López

Pablo López, Marcio Barradas e Ramón Suárez desenvolveron un proxecto que mantén a trazabilidade desde o cultivo ou produción ata o envasado e a entrega ao cliente, co obxectivo de garantir a sustentabilidade en todo o proceso. Presentáronse á primeira edición de BFFood para dar resposta ao reto de valoración de excedentes e foron unha das iniciativas seleccionadas.

Levan xa uns meses traballando na fase de aceleración, na que contan coa mentorización de Juanjo De la Cerda, director corporativo de I+D e calidade do Grupo Nueva Pescanova. Falamos con Pablo López, Chief Innovation Officer (CIO) de Essence Food Technologies para coñecer en detalle o proxecto.

  • Que vos levou a presentarvos a BFFood?

O noso obxectivo era poder desenvolver nun contexto real un minimum viable product (MVP) que validase os nosos procesos e produtos en colaboración directa con empresas do sector da alimentación.

  • Como xurdiu a idea dese produto mínimo viable do que falades?

Debido á nosa experiencia previa e ao noso interese por ofrecer solucións relacionadas coa alimentación sostible, que acheguen confianza e transparencia con blockchain, a partir de excedentes alimentarios, e con procesos de economía circular, xurdiu Essence Food Technologies.

  • Dades resposta ao reto de valoración de excedentes formulado na primeira edición de BFFood; que tecnoloxías usades para o desenvolvemento do voso proxecto?

No noso proxecto traballamos con blockchain, secado por atomización, foodprinting e tecnoloxías habilitadoras da industria 4.0, tales como IoT, intelixencia artificial, big data, dixitalización avanzada, smart products

  • Formades parte da aceleradora da industria alimentaria galega; como definiriades o sector?

Vemos que é unha industria preocupada pola sostibilidade e polas tendencias de mercado, pero, á vez, centrada en modelos de negocio maduros que a levan a asumir poucos riscos e a limitar, así, a innovación.

  • En BFFood contades cun mentor cunha dilatada traxectoria e experiencia no ámbito concreto do voso proxecto, como é Juanjo De la Cerda, director corporativo de I+D e calidade do Grupo Nueva Pescanova; que significa isto para vós?

É unha peza clave para acompañarnos en todo o camiño e axudarnos a axustar as nosas expectativas ao ritmo do mercado

  • Creastes algún tipo de sinerxía co resto de participantes?

Si, tanto con algunhas empresas promotoras como con startups participantes en BFFood.

  • Que obxectivo vos marcastes durante a vosa participación en BFFood?

Poder obter novos contratos para o produto mínimo viable que estamos a desenvolver, así como para os nosos servizos de I+D.

  • Recomendariades BFFood a outros emprendedores?

Por suposto! Para nós un dos puntos fortes de BFFood é a posibilidade que nos ofrece de ter acceso ao contexto real do mercado.

  • Por último, como vos gustaría que definisen o voso proxecto?

O obxectivo de Essence Food Technologies é facilitar a produción e o consumo responsable co obxectivo de vivir nun planeta sostible que posibilite unha alimentación intelixente con tecnoloxías avanzadas que garantan a esencia dos alimentos.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

22/12/2020

BFFood impulsa 20 proxectos no sector alimentario galego no último ano

Os proxectos supuxeron un investimento directo de máis de 400.000 € e a xeración de 29 novos postos de traballo relacionados coa transformación dixital e a industria 4.0 no sector alimentario.
27/09/2019

Monkey Market: o software en liña que axudará ás empresas alimentarias na súa conquista do mercado chinés

Falamos cos cofundadores de Monkey Market para coñecer en que consiste este proxecto seleccionado na primeira edición de BFFood.
23/09/2019

AlphaCloud, o proxecto de BFFood que analiza e optimiza os procesos de curación do xamón

Álvaro Dosil, director técnico de AlphaCloud, explica en que consiste este proxecto seleccionado na primeira edición de BFFood, que está a ser mentorizado por José Manuel Núñez, conselleiro delegado de Torre de Núñez.