OSIGris, o software gratuíto que axuda ao pequeno e mediano agricultor na súa dixitalización
Detrás de oSIGris atópase un grupo de mozos enxeñeiros emprendedores que detectaron a oportunidade de axudar cos seus coñecementos aos pequenos e medianos agricultores na dixitalización dos seus cultivos e plantacións. Como? A través dun software totalmente gratuíto.
Tras ser seleccionado como un dos proxectos acelerados da primeira edición de BFFood, oSIGris conta coa titorización de Juan A. Vázquez Gancedo, director xeral de Bodegas Martín Códax, e José Carlos Vila Costas, director xeral de Kiwi Atlántico. Para coñecer como xurdiu esta iniciativa e como está a ser o seu desenvolvemento falamos con Rubén Mella, o responsable de xestión e vendas.
- Que vos animou a presentarvos a BFFood?
Consideramos moi interesante a oportunidade de participar nunha aceleradora que conta con apoios tan importantes como o de GAIN e as grandes empresas tractoras con ampla experiencia no sector. Estas pódennos proporcionar de primeira man axuda e consellos en base á súa experiencia, repercutindo todo iso nunha mellora do desenvolvemento do noso proxecto e a súa adaptabilidade ás necesidades do mercado.
- Como xurdiu a idea do voso proxecto?
Nunha clase da universidade! O profesor propuxo aos alumnos, entre os que se atopaba o noso CEO, José Senande, un exercicio de aplicación da topografía ás mariscadoras. El trasladou ese mesmo concepto á agricultura e tras adaptalo ás necesidades do mercado, desenvolvemos oSIGris, o primeiro software gratuíto pensado, especialmente, para o pequeno e mediano agricultor.
- Que achegades de novidoso ao sector?
Un software gratuíto que axuda aos agricultores na súa transformación dixital. Tras realizar diversos estudos, detectamos un gran número de pequenos e medianos agricultores que non teñen capacidade económica para acceder aos softwares do mercado que os axudarían na súa dixitalización.
Para eles, creamos oSIGris, un software con tres ferramentas básicas: caderno de campo dixital, información climatolóxica e sistema de alertas de pragas e enfermidades, que ademais é totalmente gratuíto.
- Dades resposta ao reto solucións tecnolóxicas comerciais exposto na primeira edición de BFFood, que tecnoloxías usades para o desenvolvemento do voso proxecto?
O software de oSIGris componse dunha app móbil e unha app web conectadas cunha base de datos que fai posible a conexión e o almacenamento da información.
- Como definiríades o sector da alimentación no que traballades?
A industria alimentaria ten un gran potencial de crecemento. As empresas tradicionalmente familiares de pequeno e mediano tamaño aspiran a seguir crecendo e a ser referentes, tanto do mercado nacional como internacional.
En oSIGris afrontamos o futuro con datos moi positivos e é que o 75% das parcelas agrícolas en España ten menos de 10 hectáreas, polo que temos un gran nicho de mercado sen dixitalizar ao que nos diriximos.
- En BFFood contades coa titorización de dous grandes profesionais do sector. Que vos achegan?
É unha gran oportunidade para nós coa súa experiencia e profesionalidade. Sen dúbida, intentaremos aproveitar ao máximo posible todo o coñecemento que nos poidan transmitir e aplicalo tanto no presente como no futuro.
- Cal é o obxectivo que vos marcastes con BFFood?
oSIGris comezou BFFood co produto mínimo viable, sen ter dispoñible a parte comercializable. Nestes meses de aceleración esperamos finalizar o desenvolvemento desta e obter as primeiras vendas.
- Que ten de especial BFFood?
BFFood ofrece ás startups os medios idóneos para o seu crecemento e mentores dun nivel extraordinario e con moi boa predisposición.
- Finalmente, que vos fai diferente ao resto de empresas?
A gran diferenciación da nosa compañía e o que pretendemos que sexa o noso sinal de identidade é a capacidade de dixitalización que lle ofrecemos ao pequeno e mediano agricultor de forma gratuíta.
Queremos posicionarnos como referentes e impulsores da dixitalización do pequeno e mediano agricultor, ofrecéndolle todas as vantaxes que temos ao noso alcance de xeito gratuíto.
Comparte esta noticia



