BFFood, a aceleradora do sector alimentario galego, celebra o demo day da súa terceira edición

02/02/2022

Durante o evento anunciouse a apertura da convocatoria para presentar proxectos e participar na IV edición de BFFood, que permanecerá aberta ata o 30/04/2022

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e empresas de referencia na industria alimentaria galega, vén de celebrar o demo day da III Edición deste programa.

Durante o encontro, que tivo lugar no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), 10 dos 14 proxectos que formaron parte desta terceira edición fixeron unha presentación explicando como a súa iniciativa innovadora deu resposta aos principais retos formulados polas empresas do sector alimentario galego.

Proxectos da terceira edición de BFFood

Aotech, Asuque, Eliter, Ethical Farm Box, Galinsect, Ghop, Hk:Coffee, Ingal, Kiwanda Food, Mindsaic, Mobitec, ODS Protein, TotalGAC Food e Wapping achegaron solucións nas áreas temáticas de trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; desenvolvemento de novos produtos; innovación de procesos e comercialización; dixitalización e automatización; e loxística.

Durante o seu paso polo programa de emprendemento de BFFood, estes proxectos recibiron apoio integral e especializado do sector alimentario galego en función do seu grao de desenvolvemento. Os proxectos no programa de aceleración, Aotech, Asuque, Eliter, Ghop, Ingal, Mindsaic, ODS Protein e TotalGAC Food, desenvolveron durante 9 meses o seu produto ou servizo mínimo viable, mentres que aqueles no programa de consolidación, Ethical Farm Box, Galinsect, Hk:Coffee, Kiwanda Food, Mobitec e Wapping, afianzaron durante 12 meses as súas primeiras vendas.

Ademais, estas startups tiveron a as principais empresas líderes do sector como mentoras, guiando e facilitando o seu desenvolvemento no ecosistema emprendedor, e tiveron acceso a financiamento específico, en forma de subvencións a fondo perdido e préstamos participativos.

Neste sentido, o CEO de Torre de Núñez, Jose Manuel Núñez Torre, destacou durante o seu discurso de peche do evento que, “en total, na terceira edición realizáronse máis de 350 horas de mentoría e coaching e os proxectos recibiron 64 horas de formación”. Unhas cifras que “son froito do traballo en común de Clusaga coa Xunta de Galicia, a través de Gain, Igape e XesGalicia, das empresas tractoras CONGALSA, LENCE (Grupo Leche Río), DS-SMITH, GALACTEUM, Corporación Laber, Capsa Vida (Larsa), Vegalsa-Eroski, Clun, Gadisa, Kiwi Atlántico, Cafés Candelas, Nueva Pescanova e Viña Costeira, as tres universidades públicas galegas e a rede de colaboradores”.

Pola súa parte, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou a labor de BFFood no reforzo da competitividade e a transformación dixital do sector alimentario galego.

Aberta a convocatoria para participar na IV edición de BFFood

Durante o evento, Javier Osuna, responsable de BFFood, anunciou a apertura da convocatoria para presentar proxectos e optar a formar parte da IV edición de BFFood, que permanecerá aberta ata o 30 de abril. Entre as candidaturas presentadas seleccionaranse ata seis iniciativas para o programa de aceleración e ata seis para o de consolidación, co obxectivo de ofrecer solucións disruptivas para facer fronte aos novos desafíos do sector dos alimentos e as bebidas.

Esta nova edición contará, ademais, co apoio de dúas novas empresas tractoras para o programa de mentoring: Casa Grande de Xanceda e Hijos de Rivera, que se suman ao resto de entidades que levan apoiando a BFFood desde os seus inicios.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

25/09/2026

9 proxectos innovadores presentan as súas solucións para o sector alimentario no Demo Day da VII Edición da Business Factory Food

O Demo Day da VII Edición da Business Factory Food celebrouse o  23 de setembro no Hotel Palacio del Carmen, onde as startups presentaron os avances […]
11/09/2026

Innovación alimentaria en acción: así será o Demo Day da VII edición de BFFood

O encontro celebrarase o 23 de setembro no Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela Reunirá os proxectos da VII edición con empresas, mentores, investidores e […]
✕