Europa impulsa o talento emprendedor a través da súa nova estratexia para startups e scaleups

A Comisión Europea acaba de lanzar unha ambiciosa estratexia, orientada a facer da Unión un verdadeiro viveiro de empresas innovadoras capaces de competir a nivel global. Fálase de talento, de investimento, de eliminar barreiras e de fomentar un ecosistema onde unha startup poida crecer sen ter que marchar fóra.

Desde BFFood non só vemos esta estratexia como unha boa noticia, senón que vemos nela o reflexo das liñas que levamos anos poñendo en práctica desde Galicia, desde o noso modelo de innovación aberta e colaboración público-privada no sector alimentario. Porque esta nova estratexia está confirmando algo de gran importancia: crear as condicións para que os proxectos innovadores se consoliden require visión, acción e un gran compromiso.

A APRESTA DE EUROPA

A nova estratexia da UE, titulada “Open for Startups & Scaleups”, propón un cambio de paradigma: pasar dunha Europa onde se emprende, a unha Europa onde se crece. O obxectivo é claro: converter á Unión Europea nunha potencia mundial na creación e escalado de empresas tecnolóxicas e innovadoras. Para logralo, a estratexia estrutúrase en cinco grandes áreas de actuación:

Financiamento á altura das ambicións

Moitas startups europeas non escalan simplemente por falta de capital. Por iso, a UE reforza o European Innovation Council, crea o Scaleup Europe Fund e lanza o Innovation Investment Pact, un pacto para mobilizar recursos públicos e privados que acheguen estabilidade e tracción a proxectos con potencial global.

Unha contorna normativa favorable

Simplificar trámites, recortar burocracia e crear instrumentos como o European Business Wallet permitirá que crear e xestionar unha empresa en Europa sexa tan áxil como noutros mercados. Isto tamén inclúe o lanzamento dun “28º réxime”, un marco regulador europeo único, máis simple e eficiente.

Mercado e adopción: do laboratorio ao mercado

A estratexia busca acelerar a chegada de innovacións ao mercado a través da iniciativa Lab-to-Unicorn e o fomento da compra pública innovadora. Europa quere que o talento investigador e emprendedor se converta en produtos reais, empresas sólidas e solucións que melloren a vida das persoas.

Atraer e reter talento global

Europa lanza a iniciativa Blue Carpet para facilitar a entrada e integración de fundadores, investigadores e perfís técnicos altamente cualificados. Tamén se reforzan as vías formativas e profesionais dentro da UE para que non se perda o talento local.

Infrastruturas e redes de apoio

O desenvolvemento dunha Carta de Acceso axudará a garantir que as startups teñan acceso á infraestrutura, os servizos e as redes que precisan en cada fase da súa evolución, desde os primeiros prototipos ata a internacionalización.

En conxunto, é unha estratexia que apunta a transformar o ecosistema europeo nun lugar máis competitivo, conectado e preparado para reter valor, emprego e tecnoloxía no territorio.

EN GALICIA, XA ESTAMOS PERCORRENDO ESE CAMIÑO

No Clúster Alimentario de Galicia, a través da Business Factory Food, levamos anos percorrendo ese camiño, traballando baixo os principios que agora se recollen na estratexia europea. En BFFood aceleramos, consolidamos e apoiamos o emprendemento innovador no sector alimentario con ferramentas concretas: acceso a financiamento, mentoría sectorial, formación estratéxica, acompañamento na internacionalización, conexión con empresas tractoras e oportunidades reais de mercado.

Facémolo cunha visión vertical, centrada no sector alimentario, pero cun enfoque transversal e europeo. Apostamos polo crecemento sostible dos proxectos, e contribuímos a fortalecer un ecosistema de innovación que xera emprego, tecnoloxía e valor económico e social.

Así que, que Europa avance nese camiño é unha excelente noticia para o noso ecosistema, para Galicia e para os proxectos que confían en BFFood. Validamos así unha maneira de traballar que nos leva a formar parte dunha Europa máis forte, máis innovadora e máis cohesionada.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

24/09/2025

Estes son os 16 proxectos protagonistas da VII edición en aceleración e consolidación

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora de referencia do sector alimentario galego, volve situarse no centro da innovación coa selección de 16 proxectos emprendedores que […]