O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Business Factory Food (BFFood) participaron do 16 ao 18 de abril de 2024 na feira FOOD 4 FUTURE – EXPO FOODTECH, que tivo lugar en Bilbao. Varias startups apoiadas por BFFood – YowUp!, Gradhoc, Logicmelt, AMARELA LEAF WHEY, Ntente e Remolonas- , xunto coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias e Bioga, estiveron presentes no stand agrupado promovido pola aceleradora do sector alimentario galego.
Esta participación agrupada foi unha excelente oportunidade para establecer novos contactos e colaboracións, visibilizar o traballo das startups apoiadas pola BFFood e tamén das actividades que Clusaga realiza a través dalgúns dos proxectos nos que colabora, como Food-scalEUp ou Value4Pack.
As startups participantes tiveron a oportunidade de coñecer outras tendencias no sector foodtech e, especialmente, de dar visibilidade ás súas solucións e tecnoloxías. Dunha banda, participaron empresas de edicións anteriores da BFFood. Así, YowUp! expuxo a súa gama de produtos lácteos para mascotas; Gradhoc presentou unha plataforma multiprotocolo baseada en IA para a monitorización e xestión de activos, optimización e automatización de instalacións de refrixeración e análise preventivo e preditivo; e Logicmelt amosou o seu sistema de cámaras intelixentes plug & play baseado en IA para detectar anomalías na cadea de produción de alimentos e maximizar as garantías de seguridade alimentaria e a velocidade no procesamento da información.
Asimesmo, asistiron empresas da presente VI Edición da BFFood. Deste xeito, AMARELA LEAF WHEY presentou unha solución de envasado sostible para o sector lácteo, que emprega papel creado a partir de subprodutos alimentarios que aumente a vida útil dos alimentos e a súa sustentabilidade; NTENTE amosou unha solución de comunicación para optimizar a experiencia de compra e maximizar a visibilidade das marcas, así como a súa localización nos diferentes puntos de venda; e Remolonas lanzou a súa proposta para combater o desperdicio alimentario a través da creación de novas cales de distribución dos excedentes de produción para a súa reintrodución nas canles de chegada ao consumidor.
Alén, o equipo de Clusaga presente na feira participou en algunhas das sesións do programa. A mesa redonda “Los Grandes Retos del Packaging en la Industria Alimentaria”, celebrada o 17 de abril, foi moderada por Noelia Dosil, coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento; e Raquel Díaz, Técnica de Proxectos da mesma Área, presentou o proxecto europeo Value4Pack, no que Clusaga participa. Os demais relatores incluíron a representantes de Vichy Catalan; Centros Comerciales Carrefour; e Inèdit. Na mesa trataronse os grandes desafíos relacionados coa evolución da normativa europea, coa percepción do consumidor e coas barreiras operativas e tecnolóxicas que as empresas alimentarias deben abordar.
Noelia Dosil tamén participou como relatora na mesa redonda “Implementation of high quality services for scaling up agri-foodtech startups: Success stories”, presentando o caso da Business Factory Food, a través da participación no proxecto europeo Food-scalEUp, que Clusaga coordina. A sesión contou coa participación de representantes da Transdanubian Regional Innovation Agency, CEIN e Food Valley. Todos eles presentaron tamén os avances nos seus respectivos pilotos de aceleración empresarial, que están a implementar a través do proxecto Food-scalEUp.