O xoves 31 de outubro a Universidade da Coruña acolleu o acto de presentación da segunda edición de Business Factory Food. Durante a xornada, J. Andrés Faíña, catedrático Jean Monnet de Economía Industrial Europea, Manuel Bustabad, technological transfer and R&D do CITIC, e Antonio García Lorenzo, catedrático E.U. de Fundamentos da Análise Económica e profesor Jean Monnet, abordaron a importancia desta aceleradora vertical na mellora da madurez dos proxectos de innovación (innovation readiness) e rendemento final dos produtos ou servizos que se van a poñer ao dispor dos usuarios ou consumidores finais.
Iago Sanmartín, promotor de Monkey Markey, Xavier Barra, fundador de CERTO, e Fernando Fernández, CTO de Muutech, explicaron como estaba a ser a súa experiencia como proxectos seleccionados na primeira edición do programa de aceleración de BFFood.
Pola súa banda, Juan Carlos Galán, business development manager do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), entidade membro do comité técnico da aceleradora, abordou as vantaxes que BFFood ofrece aos emprendedores. Mentres que Rosana Domínguez, directora de márketing de Quescrem, e Antonio Cuevas, responsable de aprovisionamento de Calvo, explicaron a súa experiencia no proceso de mentorización, como empresas tractoras que son.
A continuación, Higinio Mougán, xerente de AGACA, entidade membro do comité técnico da aceleradora analizou as tendencias do sector da alimentación e os retos aos que os proxectos participantes nesta segunda edición de BFFood deben dar resposta. Finalmente, Javier A. Osuna, responsable da aceleradora, e Juan Feijoo, advisor da área de competitividade do IGAPE, animaron a todos aqueles emprendedores con iniciativas innovadoras no sector alimentario a que se inscriban na II edición da aceleradora.