Estas son as 15 startups beneficiarias da VI Edición de BFFood

  • A aceleradora do sector alimentario galego vén de seleccionalos das 47 solucións aos retos que enfronta a industria dos alimentos e as bebidas presentadas á convocatoria
  • Dos proxectos seleccionados, 5 forman parte do programa de consolidación e 10 do de aceleración, e todos eles terán acceso a mentoría, formación e outros recursos concibidos para o desenvolvemento de negocio, así como a apoio económico da Xunta de Galicia

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e empresas de referencia na industria alimentaria galega, seleccionou os 15 proxectos beneficiarios da súa VI Edición. Dos elixidos, 5 accederán ao programa de consolidación e 10 ao de aceleración. A gran maioría deles proceden de startups galegas, pero tamén están presentes iniciativas do Reino Unido e Portugal, así como de Castela e León e Murcia.

Os proxectos beneficiarios recibirán apoio integral e especializado, acceso a mentoría, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento. O obxectivo é impulsar a súa idea innovadora para facer fronte aos retos do sector alimentario.

Ademais, cada startup do programa de consolidación, de doce meses de duración, terá a oportunidade de recibir apoio económico a través dun préstamo participativo por parte da Xunta a través de XesGalicia, que podería levar consigo unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 €. No caso do programa de aceleración, de nove meses de duración, os proxectos poderán acceder a financiamento do Goberno galego a través da Axencia Galega de Innovación, de 25.000 € a fondo perdido, e de XesGalicia, a través dun préstamo participativo que podería levar consigo unha opción de capitalización de ata 50.000 €.

VI Edición de BFFood

Despois de cinco edicións, BFFood acumulaba 288 candidaturas recibidas e 61 proxectos impulsados, tanto a nivel nacional como internacional. Agora, na VI Edición, suma 47 propostas de proxectos presentadas a esta convocatoria, e 15 novas iniciativas innovadoras de emprendemento, que impulsará ao longo de 2024.

Así mesmo, un total de 22 empresas líderes do sector alimentario galego forman parte do equipo de mentores da Business Factory Food. O seu labor na aceleradora é formular os retos reais da industria da alimentación aos que os proxectos beneficiarios deben dar resposta, participar no Comité de Selección e apoiar e acompañar as iniciativas elixidas na súa chegada ao mercado, xerando oportunidades de negocio para ambas as partes.

En concreto, as empresas mentoras dos proxectos seleccionados na VI Edición de BFFood serán Bodegas Casa Montepío, Casa Grande de Xanceda, Cafés Candelas, CAPSA, CLUN, Congalsa, GADISA, Grupo Nueva Pescanova, Grupo Pereira, Leche Celta e Quescrem. Xunto a elas, as entidades Fundación Juana de Vega, AGACA e ANFACO tamén participan como mentoras nesta edición da aceleradora.

Proxectos seleccionados no programa de Aceleración

AGROLINK: Desenvolverá unha gama de servizos para produtores agrarios a través da dixitalización completa do caderno de campo e a optimización do uso compartido da maquinaria, minorando os custos de produción e xerando un novo marketplace para produtores.

AMARELA LEAF WHEY: Pretende desenvolver unha nova solución de envasado sostible para o sector lácteo empregando papel creado a partir de subprodutos alimentarios que aumente a vida útil dos alimentos e a súa sostibilidade.

BENIU: Presenta solucións para o diagnóstico de cultivos e a aplicación de tratamentos fitosanitarios a través de drons.

REMOLONAS: Este proxecto desenvolve novas solucións para combater o desperdicio alimentario a través da creación de novas canles de distribución dos excedentes de produción para a súa reintrodución nas canles de venda e chegada ao consumidor.

EMPROMAR: Mediante modelos baseados en IA e xemelgo dixital, implantará un novo sistema de predición de episodios tóxicos para a optimización nos tempos de resposta na industria do mexillón e os seus produtores.

FRUIWA: Desenvolve novas bebidas sostibles e saudables a base de froita destinados a persoas con diabetes.

IMPACT UPCYCLED: Esta iniciativa desenvolve produtos e ingredientes a partir da revalorización de subprodutos da industria alimentaria para o desenvolvemento de novos produtos de alto valor engadido.

NTENTE: Aporta unha nova solución de comunicación entre consumidor e fabricante, optimizando a experiencia de compra e maximizando a visibilidade das marcas, así como a súa localización nos diferentes puntos de venda.

PASTORAL: Desenvolverá unha nova plataforma de xestión baseada en IA que integrará sensórica avanzada nos animais e permitirá a adopción de prácticas como o Pastoreo Rotacional Intensivo Manexado (MIRG)

SIMBIOSIS ACUÍCOLA: Propón o desenvolvemento dunha solución de cultivo de algas para combater a eutrofización das augas e obter compostos de elevado interese comercial para o sector cosmético, farmacéutico e alimentario, entre outros.

Proxectos seleccionados no programa de Consolidación

ANFOOD: Desenvolvemento dun sistema de cámaras intelixentes plug & play baseado en IA para detectar anomalías na cadea de produción de alimentos e maximizar as garantías de seguridade alimentaria e a velocidade no procesamento da información.

GRADHOC: Plataforma multiprotocolo de IA para a monitorización e xestión de activos, optimización e automatización de instalacións de refrixeración e análise preventiva e predictiva.

PERUSIÑAS: Desenvolvemento de galletas con materias primas galegas de proximidade, da máxima calidade e calidades organolépticas, cun envasado 100 % reciclable, reutilizable e retornable.

Petit Papao Bio: Desenvolvemento dunha nova gama de produtos infantís (4-36 meses) saudables e en formato conxelado.

SALMOIRA: Proxecto centrado na revalorización dos produtos do mar que desenvolverá novas receitas e sabores no seu laboratorio de I+D+i, industrializándoas e valorizando subprodutos e descartes da industria pesqueira e, ao tempo, recuperando a tradición.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

24/09/2025

Estes son os 16 proxectos protagonistas da VII edición en aceleración e consolidación

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora de referencia do sector alimentario galego, volve situarse no centro da innovación coa selección de 16 proxectos emprendedores que […]