O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) acolleu hoxe en Santiago de Compostela o Infoday do Programa Desafía FoodTech Países Baixos 2023 de ICEX, unha actividade incluída dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea mediante o Fondo NextGeneration EU. Este evento enmárcase na actividade da aceleradora Business Factory Food (BFFood), que dinamiza o Clúster, cuxa finalidade é impulsar proxectos innovadores de emprendemento do sector FoodTech que dean solución aos retos da industria alimentaria galega.
A xuntanza contou coa participación de Roberto Alonso, director de Clusaga; Xosé Ramón Vázquez, responsable de BFFood en Clusaga; María Jesús Abellán, de ICEX; Lucila Carminatti, da consultora UNKNOWN especializada en Países Bajos; e representantes das empresas FoodTech participantes no programa da BFFood.
ICEX presentou aos asistentes todos os programas que impulsa este ano para a internacionalización de empresas FoodTech, con foco no Programa Desafía Países Baixos, que inclúe inmersión e acompañamento para empresas co obxectivo de mellorar a súa escalabilidade e crecemento. A iniciativa abrangue actividades de networking, workshops, visitas a empresas e innovación en procedementos de traballo, entre outras. Todo isto está orientado a facilitar o contacto cos principais axentes e empresas do ecosistema FoodTech de Países Baixos, un dos máis punteiros a nivel mundial.
Durante o evento deuse información sobre o programa, as empresas recibiron asesoramento individualizado para participar e tiveron a oportunidade de participar en entrevistas bilaterais co responsable de BFFood e a representante de UNKNOWN.
A xornada, que coincidiu coa reunión de peche do programa de aceleración da IV Edición de BFFood, serviu para que as empresas, que puideron desenvolver o seu produto mínimo viable grazas á aceleradora, tivesen a oportunidade de coñecer os apoios dispoñibles para desenvolver a estratexia de crecemento nos mercados internacionais, ademais de facer networking para identificar novas oportunidades.
A aceleradora BFFood xa permitiu acelerar e consolidar máis de 40 proxectos innovadores de emprendemento, e vén de seleccionar os 14 proxectos que van formar parte da súa V Edición.
Desta forma, BFFood continúa establecéndose coma elemento dinamizador da innovación aberta e o emprendemento, afrontando os retos da industria alimentaria e atraendo talento á cadea de valor sectorial, facéndoa máis forte en xeral para competir de forma eficiente a escala global.