Grazas á colaboración entre o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e ICEX, a aceleradora vertical para o sector alimentario galego promovido pola Xunta de Galicia e coordinada por Clusaga, a Business Factory Food (BFFood) tivo a oportunidade de participar no Sustainable Food Forum como parte do programa Rising Up in Spain, que promove ICEX–Invest in Spain. Durante o Foro, celebrado este martes 19 en Londres, a aceleradora tivo a oportunidade de darse a coñecer ante as empresas e inversores británicos asistentes.
O Sustainable Food Forum enmárcase dentro do Sustainable Food Week, organizada por Food Matters Live do 18 al 24 de setembro. O encontro alberga un programa de conferencias no que líderes de opinión mundiais en materia de innovación alimentaria están compartindo os seus coñecementos nunha serie de charlas inspiradoras e paneis de debate.
Paralelamente, levouse a cabo a presentación de socios internacionais, entre os que se atopa España. A súa participación foi xestionada por ICEX a través da iniciativa Rising Up in Spain, un programa de atracción de talento tecnolóxico e de negocios destinado a startups estranxeiras que queiran establecerse en España.
Neste contexto, a BFFood tivo a oportunidade de presentar os principais retos da industria alimentaria galega, a fin de promover a atracción de proxectos de emprendemento que queiran asentarse en Galicia e desenvolver a súa actividade da man das principais empresas alimentarias galegas a través dos programas que ofrece a aceleradora: o de Aceleración e o de Consolidación.