A V Edición de BFFood impulsa 14 proxectos innovadores de emprendemento

  • BFFood, a aceleradora do sector alimentario dinamizada por Clusaga, seleccionou estas iniciativas dun total de 33 candidaturas presentadas co obxectivo de resolver desde Galicia algúns dos grandes retos aos que se enfronta a industria dos alimentos e as bebidas
  • Dos proxectos seleccionados, 4 accederán ao programa de consolidación e 10 ao programa de aceleración
  • Todos eles accederán a un programa especializado e personalizado con mentores, formación, e outros recursos concibidos para o desenvolvemento de negocio, así como a financiamento proporcionado pola Xunta de Galicia

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e empresas de referencia na industria alimentaria galega, seleccionou os 14 proxectos que participarán na súa quinta edición.

Dos seleccionados, 4 accederán ao programa de consolidación e 10 ao de aceleración. A gran maioría deles proceden de startups galegas, pero tamén se encontran iniciativas do País Vasco e Canarias.

Todos eles recibirán apoio integral e especializado, durante nove meses no caso do programa de aceleración e doce no de consolidación, con acceso a mentoría, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento co obxectivo de impulsar a súa idea innovadora para facer fronte aos retos do sector.

Ademais, cada startup terá a oportunidade de recibir apoio económico, a través dun préstamo participativo por parte da Xunta a través de XesGalicia, que podería levar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 € no programa de consolidación. Mentres que no de aceleración, tamén poderá acceder a financiamento do Goberno galego a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), de 25.000 € a fondo perdido, e de XesGalicia, a través dun préstamo participativo que podería levar unha opción de capitalización de ata 50.000 €.

Esta quinta edición recibiu un total de 33 candidaturas tanto a nivel nacional como internacional e contou co apoio de 22 empresas líderes do sector alimentario galego, que buscaban solucións innovadoras aliñadas coa resolución dos retos expostos entre as propostas recibidas, para apoialas na súa chegada ao mercado, xerando así oportunidades de negocio para ambas.

Destas empresas, as encargadas do proceso de mentoría dos proxectos seleccionados na V Edición de BFFood serán Grupo Lence, Innolact, Grupo Nueva Pescanova, Grupo Pereira, Viña Costeira, Hijos de Rivera, Bodegas Martín Códax, Congalsa e GADISA. Xunto a estas, as entidades AGACA e Clusaga tamén participan como mentoras nesta edición da aceleradora.

Proxectos seleccionados programa Aceleración

YOWUPMILK: Este proxecto propón o desenvolvemento de leite e iogures para cans e para gatos en formatos adaptados ao mercado, cunha vida útil de 18 meses, sen frío e cunha fórmula adaptada ás súas necesidades nutricionais.

GRABITVISION: Proxecto procedente do País Vasco que desenvolverá solucións de visión artificial para o sector agroalimentario, desenvolvendo unha plataforma baseada en Deep Learning que permite o desenvolvemento rápido e flexible de diversos casos de uso nun hardware de custo reducido.

SALMOIRA: Desenvolverá produtos semiconservados para o seu consumo directo, produtos de quinta gama ou a salga de alimentos como método de conservación para o seu posterior consumo desalado, así como un novo produto envasado e conservado, destinado a canle HORECA ou alimentación gourmet.

ANFOOD: Este proxecto desenvolverá un produto plug & play que aprenda de xeito automático a detectar anomalías en imaxes de comida, de tal forma que calquera persoa sen coñecementos en Intelixencia Artificial poida levar a cabo un sistema de detección de corpos estraños de xeito autónomo.

GRADHOC: Desenvolverá unha plataforma multiprotocolo de Intelixencia Artificial para a monitorización, optimización e automatización de instalacións e alarmas, con análise preventiva e predictiva. Os principais beneficios para as empresas alimentarias serán a xestión e optimización da enerxía en instalacións frigoríficas.

NIGAL: Realiza a xestión de stocks de xeito automatizado e fai predicións de vendas a partir de datos históricos mediante algoritmos de intelixencia artificial. Isto permite diminuír o impacto do incremento do prezo de materias primas e o grao de incerteza nos prazos de entrega.

TOFU LANDEIRA: Proxecto que fabrica tofu ecolóxico en base soia cunhas calidades organolépticas moi diferenciadas ao existente no mercado, elaborado, ademais, a partir de cultivo ecolóxico certificado propio.

RECARBO: Proxecto que, mediante tecnoloxía blockchain asegura a trazabilidade de emisións GEI (gases de efecto invernadoiro) do produto desde a súa orixe, avaliando e acreditando a veracidade das emisións xeradas en toda a cadea de valor, a fin de poder certificar un produto neutro en carbono baixo un estándar recoñecido internacionalmente (PAS 2050).

BIOCROPS: Iniciativa enfocada ao desenvolvemento de fertilizantes ecolóxicos a partir de subprodutos da cría de larvas de Tenebrio Molitor, xerando un abono orgánico 100% natural, que prevén a degradación do solo dunha forma sostible e obtén quitina como biofortificante, a prol do Urban Farming.

SEA 4.0: A proposta de valor de SEA 4.0 é sensorizar os cultivos mariños para poder comprender, con tecnoloxías avanzadas de tratamento de datos, os principais factores que inflúen na obtención de produtos de calidade óptima.

Proxectos seleccionados programa Consolidación

NSF 4.0: Néboda é unha startup enmarcada no ámbito da agricultura vertical de interior que ten como misión a produción de vexetais da máis alta calidade, de proximidade, cultivados preto dos puntos de venda e dos consumidores, dun xeito sostible e minimizando ao máximo a pegada ecolóxica.

BUFFET WASTE: Proxecto que conta cun sistema intelixente de medición do desperdicio alimentario xerado nos buffets e puntos de restauración dun establecemento hoteleiro. Este aplicativo permitirá cuantificar os residuos de comida do buffet diferenciándoos por tipoloxía, e vinculados ao perfil do tipo de cliente aloxado.

ENZICAS: Empresa que levará ao mercado un aditivo alimentario natural que reduce os tempos de maduración de queixos e embutidos conseguindo unha optimización dos custos operativos, reducindo a adición de sales no produto final e as emisións de CO2 producidas ao longo do proceso produtivo.

PROVIDE: Servizo de diagnóstico e asesoramento personalizado ao sector vitivinícola para o desenvolvemento de solucións biotecnolóxicas de control de enfermidades e valorización de subprodutos.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

24/09/2025

Estes son os 16 proxectos protagonistas da VII edición en aceleración e consolidación

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora de referencia do sector alimentario galego, volve situarse no centro da innovación coa selección de 16 proxectos emprendedores que […]