A BFFood difunde as oportunidades de participar na súa IV Edición no Foro Transfiere
Os días 16 e 17 de febreiro a Business Factory Food (BFFood) está presente na XI Edición do Foro Transfiere (Málaga) co obxectivo de difundir as oportunidades que supón para as start-ups participar no programa de impulso do emprendemento no sector agroalimentario de Galicia. Nesta ocasión, acompaña a outros axentes do sistema galego de innovación no mostrador que a Administración galega habilitou no Foro.
Transfiere, o Foro Europeo para a Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, é o principal encontro de I+D+i do Sur de Europa para compartir coñecemento científico e tecnolóxico, promover a innovación e conectar ciencia e empresa.
XI Edición do Foro Transfiere
Nesta XI Edición, o programa de paneis temáticos e conferencias de Transfiere divídese en sete espazos diferentes nos que os asistentes teñen a oportunidade de poñerse ao día sobre oportunidades para a internacionalización, IA, transformación dixital e industria 4.0, investigación e innovación aberta, compra pública de innovación e moito máis.
O Foro conta, entre as súas actividades, cun espazo específico para o emprendemento e a innovación aberta como protagonistas, onde as startups, spinoffs e grupos de investigación poden presentar as súas ideas e casos de éxito.
Convocatoria aberta para a IV Edición da BFFood
A convocatoria para presentar proxectos e optar a formar parte da IV edición de BFFood manterase aberta ata o 31 de abril. De entre as candidaturas presentadas serán seleccionadas ata seis iniciativas para o programa de aceleración e ata seis para o de consolidación, co obxectivo de ofrecer solucións disruptivas para facer fronte aos novos desafíos do sector dos alimentos e as bebidas.
Esta nova edición contará, ademais, co apoio de dúas novas empresas tractoras para o programa de mentoring: Casa Grande de Xanceda e Hijos de Rivera, que se suman ao resto de entidades que levan apoiando a BFFood desde os seus inicios.
Comparte esta noticia




