KIWANDA LABS, unha solución integral específica para o sector hortofrutícola

KIWANDA LABS é un dos proxectos que resultou seleccionado na segunda edición do programa de aceleración de BFFood. Ofrecen unha solución ao reto de etiquetaxe intelixente formulado polas empresas tractoras do sector alimentario e están a ser mentorizados por Kiwi Atlántico.

Nesta entrevista, Francisco Robredo, cofundador e responsable comercial de KIWANDA LABS, explica como xurdiu este proxecto e como está a ser o seu paso polo programa de aceleración de BFFood.

Como xurdiu a idea do voso proxecto?

Despois de traballar durante máis de dez anos en multinacionais e especializarnos na tecnoloxía RFID, detectamos unha serie de carencias comúns e vimos unha gran oportunidade. Decidimos deixar os nosos traballos e crear un produto que achegase valor no sector da alimentación.

Cal é ese valor que achegades ao sector?

Partindo da base de que a metade dos produtos frescos acaban no lixo, en KIWANDA LABS desenvolvemos unha tecnoloxía que permite ás empresas do sector da alimentación solucionar os seus problemas de inventario e trazabilidade e reducir as súas mermas.

Ademais, axúdalles a vender máis, xa que conseguimos enviar os produtos no seu punto óptimo de maduración ready to eat, tendo un produto cunha maior calidade gustativa e unha maior rotación no punto de venda.

Dades resposta ao reto da etiquetaxe intelixente formulado polas empresas tractoras de BFFood, que tecnoloxías usades para iso?

Utilizamos a tecnoloxía RFID ou radiofrecuencia, que basicamente consiste nun chip do tamaño dun gran de area, e unha antena feita cunha lámina de aluminio superfina. Combinando estes dous elementos, pódese almacenar e ler información neste chip a distancia, alimentándoo só coa enerxía das propias ondas de radio. Isto permíteche ler o contido destas etiquetas ata uns 20 metros de distancia, sen telas sequera no teu campo de visión directa e a un ritmo dunhas 200 etiquetas por segundo.

En definitiva, esta tecnoloxía permite introducir un alto grao de automatización en procesos loxísticos críticos, evitando moitos erros, e permite automatizar a trazabilidade e a recollida de datos en moitos puntos da cadea de subministración.

José Carlos Vila, director xeral de Kiwi Atlántico, estávos mentorizando no programa de aceleración de BFFood, como está a ser a experiencia?

Non podemos estar máis agradecidos por poder contar coa axuda de Kiwi Atlántico e o seu director xeral, xa que a súa filosofía encaixa perfectamente coa nosa. Do tempo que levamos traballando xuntos destacamos a calidade humana e profesional, permitíndonos chegar a un grao de coñecemento moi avanzado do sector hortofrutícola.

Creastes algún tipo de sinerxía co resto da comunidade de BFFood?

O ecosistema de BFFood é moi rico e complementario. Estamos falando con varias empresas sobre a posibilidade de colaborar e facer proxectos conxuntos onde todos acheguemos o noso know-how. Espero que dean os seus froitos a medio prazo.

En xeral, que está a supoñer BFFood para vós e para o voso proxecto?

Un excelente trampolín, que nos permite ir cumprindo fitos no noso plan de negocio grazas aos grandes profesionais, mentores e entidades colaboradoras que forman parte da BFFood.

Como agardades que estea o voso proxecto cando remate o programa de aceleración de BFFood?

Ter un produto 100% orientado ao sector hortofrutícola, que permita solucionar os problemas de inventario, e, sobre todo, mellorar a trazabilidade do produto e reducir radicalmente as mermas. Permitindo, ademais, enviar os produtos no seu grao óptimo de maduración para ter unha maior calidade gustativa e maior rotación en tenda.

Por outro lado, propuxémonos tomar métricas das vantaxes reais que achega a nosa solución. O que agardamos é detectar un aumento das vendas nun 10% nos clientes que maduran a froita co noso sistema, grazas a unha maior rotación en tenda, e reducir as mermas nun 30% establecendo un sistema de alertas que nos permita un control activo sobre o produto.

Finalmente, recomendarías BFFood a outros emprendedores?

Claro! É unha gran oportunidade para todos os emprendedores, xa que facilita todas as ferramentas necesarias para que poidan validar os seus modelos de negocio e sacar o máximo rendemento nos seus proxectos.

Comparte esta noticia

Outras noticias que che poden interesar

22/12/2020

BFFood impulsa 20 proxectos no sector alimentario galego no último ano

Os proxectos supuxeron un investimento directo de máis de 400.000 € e a xeración de 29 novos postos de traballo relacionados coa transformación dixital e a industria 4.0 no sector alimentario.
13/07/2020

Seis proxectos formarán parte da primeira convocatoria de consolidación de BFFood

Essence Food, Monkey Markets, Muutech food monitoring platform, Plataforma machine learning desenvolvida por TripleAlpha, Refix – Atlantic Sea Water e Sensesbit son os proxectos que accederán ao programa de consolidación.