A Comisión Europea acaba de lanzar unha ambiciosa estratexia, orientada a facer da Unión un verdadeiro viveiro de empresas innovadoras capaces de competir a nivel global. Fálase de talento, de investimento, de eliminar barreiras e de fomentar un ecosistema onde unha startup poida medrar sen ter que marchar fora.
Dende a BFFood no só vemos esta estratexia como unha boa noticia, senón que vemos nela o reflexo das liñas que levamos anos poñendo en práctica dende Galicia, dende o noso modelo de innovación aberta e colaboración público-privada no sector alimentario. Porque esta nova estratexia está a confirmar algo de gran importancia: crear as condicións para que os proxectos innovadores se consoliden require de visión, acción e un gran compromiso.
A nova estratexia da UE, titulada “Open for Startups & Scaleups”, propón un cambio de paradigma: pasar dunha Europa onde se emprende, a unha Europa onde se crece. O obxectivo é claro: converter á Unión Europea nunha potencia mundial na creación e escalado de empresas tecnolóxicas e innovadoras. Para acadalo, a estratexia estrutúrase en cinco grandes áreas de actuación:
Moitas startups europeas non escalan simplemente por falta de capital. Por iso, a UE reforza o European Innovation Council, crea o Scaleup Europe Fund e lanza o Innovation Investment Pact, un pacto para mobilizar recursos públicos e privados que acheguen estabilidade e tracción a proxectos con potencial global.
Simplificar trámites, recortar burocracia e crear instrumentos como o European Business Wallet permitirá que crear e xestionar unha empresa en Europa sexa tan áxil como noutros mercados. Isto tamnén inclúe o lanzamiento dun “28th regime”, un marco regulador europeo único, máis simple e eficiente.
A estratexia busca acelerar a chegada de innovacións ao mercado a través da iniciativa Lab-to-Unicorn e o fomento da compra pública innovadora. Europa quere que o talento investigador e emprendedor se converta en produtos reais, empresas sólidas e solucións que melloren a vida das persoas.
Europa lanza a iniciativa Blue Carpet para facilitar a entrada e integración de fundadores, investigadores e perfís técnicos altamente cualificados. Tamén se reforzan os camiños formativos e profesionais dentro da UE para que o talento local non se perda.
O desenvolvemento dunha Carta de Acceso axudará a garantir que as startups teñan acceso á infraestructura, aos servizos e ás redes que necesitan en cada fase da súa evolución, dende os primeiros prototipos ata a internacionalización.
En conxunto, é unha estratexia que apunta a transformar o ecosistema europeo nun lugar máis competitivo, conectado e preparado para reter valor, emprego e tecnoloxía no territorio.
No Clúster Alimentario de Galicia, a través da Business Factory Food, levamos anos percorrendo ese camiño, traballando baixo os principios que agora se recollen na estratexia europea. Na BFFood aceleramos, consolidamos e apoiamos o emprendemento innovador no sector alimentario con ferramentas concretas: acceso a financiamento, mentorización sectorial, formación estratéxica, acompañamento na internacionalización, conexión con empresas tractoras e oportunidades reais de mercado.
Facémolo cunha visión vertical, centrada no sector alimentario, pero cun enfoque transversal e europeo. Apostamos polo crecemento sostible dos proxectos, e contribuímos a fortalecer un ecosistema de innovación que xera emprego, tecnoloxía e valor económico e social.
Así, que Europa avance nese camiño é unha excelente nova para o noso ecosistema, para Galicia e para os proxectos que confían na BFFood. Validamos así unha maneira de traballar que nos leva a formar parte dunha Europa máis forte, máis innovadora e máis cohesionada.