Scientist collecting hydroponic vegetables sample for analysis.
A Business Factory Food (BFFood), o programa de referencia en Galicia para a incubación, aceleración e consolidación de proxectos innovadores no sector alimentario, celebra o lanzamento da súa VII Edición cun InfoDay que se desenvolverá o vindeiro 8 de abril no Edificio Fontán, na Cidade da Cultura de Galicia. Esta cita, concibida como punto de encontro entre persoas emprendedoras, startups, empresas tractoras, axentes do coñecemento e institucións, ofrecerá unha visión completa da nova convocatoria, dos seus programas e dos recursos ao servizo de quen desexe formar parte desta iniciativa transformadora.
O evento dará comezo ás 11:00 coa intervención de Roberto Alonso Ferro, Director de Clusaga. A continuación, Noelia Dosil, responsable de BFFood, presentará todos os detalles desta nova edición, afondando nas características dos programas de incubación, aceleración e consolidación, nos servizos e apoios que recibirán os proxectos seleccionados e na implicación directa das empresas líderes do sector en cada etapa do proceso.
A xornada continuará cunha intervención de Nora Alonso, General Partner en Swanlaab Venture Factory, quen compartirá unha reflexión sobre os grandes retos que afronta o sector alimentario e sobre como a innovación tecnolóxica pode achegar solucións reais e sostibles. A súa visión estratéxica achegará unha perspectiva ampla sobre as oportunidades que existen para quen aposta por emprender no ámbito agrifoodtech.
Un dos momentos máis destacados chegará coa celebración de dúas mesas redondas que permitirán achegarse tanto á visión da industria como á experiencia práctica de startups que xa pasaron por BFFood. Na primeira delas, representantes de empresas tractoras analizarán os desafíos actuais do sector e o papel que xogan iniciativas como BFFood á hora de canalizar talento emprendedor cara á resolución de problemas reais. Na segunda, varias startups compartirán como foi a súa experiencia na aceleradora, a súa evolución desde a idea ata o mercado e o impacto que supuxo participar no programa en termos de crecemento, validación e conexión co ecosistema.
O evento continuará cunha clausura institucional na que intervirán Juanjo de la Cerda, director xeral de Clusaga, e Covadonga Toca, directora do IGAPE, que destacarán o impacto de BFFood na transformación do sector alimentario en Galicia.
A xornada pechará cun espazo de networking, no que todas as persoas asistentes poderán intercambiar impresións, xerar sinerxías e manter reunións directas co equipo de BFFood. Este momento final constitúe unha oportunidade única para establecer contactos estratéxicos nun contorno marcado polo seu carácter colaborativo e aberto a novas ideas.
A Business Factory Food, promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o IGAPE, e coordinada por Clusaga, consolídase como unha ferramenta eficaz para transformar o sector desde a innovación, favorecendo a creación e consolidación de proxectos que achegan solucións tecnolóxicas, sostibles e con potencial de escalabilidade. Desde a súa creación, acompañou decenas de iniciativas, reforzando o tecido empresarial do ecosistema alimentario galego e fomentando a conexión entre o mundo emprendedor e a gran industria.
A participación no InfoDay é aberta e de balde. Se estás interesado en participar, non dudes en inscribirte previamente a través do seguinte enlace!
¡Vémonos o día 8 de abril en Santiago!