A Business Factory Food (BFFood) xa abriu o prazo de inscrición para a súa VII edición, ofrecendo unha oportunidade única de crecemento para todas aquelas startups do sector alimentario que buscan acelerar a súa consolidación no mercado. A aceleradora, promovida pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Cerrado (XesGalicia), está coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e conta co apoio de empresas líderes no sector.
Co obxectivo de fomentar a innovación e o emprendemento no ámbito agroalimentario, BFFood axudará a converter proxectos prometedores e con potencial en negocios viables e escalables. Desde este mércores 12 de marzo, os emprendedores interesados poden acceder ao formulario de inscrición dispoñible na súa páxina web e presentar a súa candidatura para formar parte desta iniciativa que conecta talento, industria e recursos estratéxicos para o crecemento do ecosistema alimentario e que, ao longo das súas seis edicións previas, impulsou 73 proxectos de arredor de 62 empresas, das cales 26 son de nova creación. Os proxectos que opten á fase de incubación/ aceleración poderanse presentar ata o 30 de abril, mentres que os proxectos que opten á fase de consolidación poderán facelo ata o 2 de setembro.
Os proxectos que participen nesta nova edición de BFFood poderán gozar dunha serie de beneficios deseñados para impulsar o seu desenvolvemento e maximizar as súas oportunidades de éxito no mercado. Un dos piares fundamentais do programa é a mentoría personalizada, na que cada iniciativa contará co apoio e a orientación dunha empresa referente no sector alimentario. Ademais, os participantes recibirán formación especializada para fortalecer o seu modelo de negocio, así como acceso a infraestruturas e servizos técnicos que facilitarán o avance na creación e mellora do seu produto ou servizo.
Outro dos grandes valores de BFFood é o fomento do networking, permitindo que os emprendedores conecten co ecosistema agroalimentario, establezan relacións estratéxicas e abran novas oportunidades de colaboración e crecemento. No ámbito financeiro, os proxectos que accedan á fase de aceleración poderán beneficiarse dunha subvención a fondo perdido de 25.000 euros concedida polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Ademais, XesGalicia poderá ofrecer apoio económico a través de préstamos participativos de ata 50.000 euros para a fase de aceleración e ata 250.000 euros para a fase de consolidación, facilitando así a estabilidade e a expansión das startups máis prometedoras.
A VII edición da Business Factory Food está dirixida a proxectos innovadores no sector alimentario que se atopen en distintas fases de desenvolvemento. Así, búscase apoiar iniciativas en fase pre-seed, é dicir, aquelas que teñen unha idea de negocio e queren trasladala a un produto mínimo viable dentro dunha empresa formalizada. Doutra banda, tamén poden presentarse proxectos en fase seed, é dicir, empresas xa constituídas cunha idea de produto e un PMV en desenvolvemento, aínda que sen vendas aínda. Así mesmo, están tamén convidados a participar proxectos en early stage, con un produto ou servizo xa desenvolvido, un modelo de negocio definido e primeiras vendas no mercado.
Non obstante, para seren elixibles, os proxectos teñen que cumprir unha serie de requisitos. Por exemplo, todos eles deben pertencer ao sector alimentario ou ter unha aplicación clara nel, responder a algún dos retos establecidos na convocatoria, contar cun carácter innovador e ter domicilio social ou centro de actividade en Galicia antes da súa participación nas fases de aceleración e consolidación.
Todos aqueles emprendedores interesados en formar parte desta nova edición da BFFood poden consultar as bases completas e acceder ao formulario de inscrición a través da páxina web oficial da aceleradora. Trátase dunha oportunidade excepcional para startups do sector alimentario que desexan impulsar o seu crecemento e posicionarse como actores clave na industria.
Agora é o momento de dar o salto e ser parte do futuro da alimentación.