Desde a súa posta en marcha en marzo de 2019 Business Factory Food (BFFood) impulsou un total de 20 proxectos innovadores no sector alimentario galego que dan resposta aos retos aos que se enfronta a industria.
A aceleradora do sector alimentario de Galicia, promovida pola Xunta de Galicia e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), creou 5 startups e dinamizou un investimento directo de máis de 400.000€ na comunidade galega.
Ademais, xeráronse 29 novos postos de traballo relacionados coa transformación dixital e a industria 4.0 no sector alimentario, dos cales un 30% foron ocupados por mulleres.
Dos 20 proxectos que participaron até o momento en BFFood, 14 fixérono no programa de aceleración e 6 no de consolidación. Estes programas de apoio da aceleradora ofreceron en total 128 horas de formación, 416 horas de coaching e 210 horas de mentoría.
Foron máis de 120 as candidaturas recibidas, tanto a nivel nacional como internacional, ás dúas edicións realizadas até o momento. Na actualidade, BFFood atópase na procura de novos proxectos innovadores de emprendimiento para facer fronte aos retos do sector.
As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora con impacto no sector dos alimentos e as bebidas poden presentar as súas candidaturas á III edición do programa de aceleración e consolidación, a través da web bffood.gal até o próximo 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas.
A aceleradora ofrece aos proxectos seleccionados un completo programa de apoio para o seu impulso no sector alimentario en función do seu grao de desenvolvemento, de 9 meses de duración para a fase de aceleración e de 12 meses para a de consolidación. Así, terán acceso a formación, medios e servizos técnicos, apoio económico por parte de Gain e XesGalicia, coaching e mentoría con expertos de empresas líderes na industria galega.