Aberto o prazo de inscrición da segunda edición de BFFood
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, membro do comité asesor de Business Factory Food, acolleu esta mañá o acto de presentación da segunda edición de BFFood. A aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), buscará dez novos proxectos innovadores en fase de aceleración que dean resposta aos retos reais presentados polas empresas do sector alimentario. O prazo de presentación de iniciativas estará aberto ata o vindeiro 30 de novembro ás 14.00 horas na web bffood.gal.
O acto de presentación foi inaugurado por José Carballo, vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Fernando Guldrís, director de XesGalicia, e Juanjo De la Cerda, presidente de Clusaga, quen definiu esta segunda edición como “unha gran oportunidade para abrirnos a novas ideas e ao potencial humano que existe ao noso arredor a través da innovación aberta e o emprendemento para impulsar a competitividade do sector”.
Tras a presentación inicial tiveron lugar dúas mesas redondas. Na primeira delas, Maruxa García, CEO e cofundadora de Tastelab, Sonia Martínez, cofundadora e CEO de Sigillum Knowledge Solutions, e Juan José Verdes, socio fundador e xerente de i-Grape, analizaron os modelos de negocio baseados na innovación no sector agroalimentario. Mentres que Mónica Cascallar, chief innovation officer de Congalsa, Rubén Hidalgo, director de ecosistemas de innovación de CAPSA FOOD, e Alejandro Álvarez, director financeiro de Cafés Candelas, abordaron os retos aos que se enfronta a industria da alimentación.

Posteriormente, Roberto Alonso, xerente do Clúster Alimentario de Galicia, fixo un balance da primeira edición de Business Factory Food, cuxos seis proxectos seleccionados (AlphaCloud, CERTO, Essence Food, Monkey Market, Muutech Monitoring Solutions e oSIGris) están a ser acelerados e mentorizados desde o pasado mes de xuño. Pola súa banda, Javier A. Osuna, responsable de BFFood, presentou os retos reais das empresas alimentarias ás que os proxectos participantes deben buscar solucións e as 14 empresas tractoras que participan nesta segunda edición.
O acto foi clausurado por Fernando Guldrís, director de Xesgalicia, Norberto Penedo, director da área de competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e Pedro Arenas, director área de servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen explicaron os instrumentos de apoio económico desta segunda edición de BFFood e destacaron “a oportunidade que ten Galicia con esta aceleradora de exercer como panca do cambio para impulsar a nosa competitividade”.
Comparte esta noticia




