BFFood selecciona os 14 proxectos innovadores que participarán na súa terceira edición
Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e empresas de referencia na industria alimentaria galega, seleccionou os 14 proxectos que participarán na súa terceira edición.
Dos seleccionados, 6 accederán ao programa de consolidación e 8 ao de aceleración. A gran maioría deles proceden de startups galegas, pero tamén hai iniciativas de Madrid, Bilbao, Logroño e Barcelona.
Todos eles recibirán apoio integral e especializado, durante nove meses no caso de aceleración e 12 no de consolidación, con acceso a mentoría, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, co obxectivo de impulsar a súa idea innovadora para facer fronte aos retos do sector.
Ademais, cada startup terá a oportunidade de recibir apoio económico, a través dun préstamo participativo por parte da Xunta a través de XesGalicia, que podería levar consigo unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 € no programa de consolidación. Mentres que no de aceleración, tamén poderá acceder a financiamento do Goberno galego a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), de 25.000 € a fondo perdido, e de XesGalicia, a través dun préstamo participativo que podería levar consigo unha opción de capitalización de ata 50.000 €.
Esta terceira edición recibiu un total de 62 candidaturas tanto a nivel nacional como internacional e contou co apoio de 20 empresas líderes do sector alimentario galego, que buscaban solucións innovadoras aliñadas coa resolución dos retos formulados entre as propostas recibidas, para apoialas na súa chegada ao mercado, xerando así oportunidades de negocio para ambas.
Estas empresas, Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, CEAMSA, Clavo Food Factory, Congalsa, CLUN, Corporación Laber, DS Smith, Gadis, Galacteum, Grupo Pereira, Kiwi Atlántico, CAPSA FOOD (Larsa), LENCE (Grupo Leche Río), Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez, Vegalsa Eroski e Viña Costeira, serán ademais as encargadas do proceso de mentoría dos proxectos seleccionados en BFFood.
Proxectos seleccionados programa de consolidación
Ethical Farm Box (Biopraedium): este proxecto coruñés, impulsado na II edición do programa de aceleración de BFFood, ofrece un sistema modular de contedores marítimos para a produción automatizada de forraxe verde hidropónica destinada á alimentación do gando. Ofrece unha solución ao reto de desenvolvemento de novos produtos e contará na III edición do programa de consolidación coa mentoría de Rubén Hidalgo, director de innovación e emprendemento de CAPSA FOOD (Larsa).
Galinsect: desde Pontevedra, esta startup, que tamén formou parte da II edición do programa de aceleración de BFFood, traballa na obtención de proteína de insectos e abono orgánico a partir de residuos hortofrutícolas. Participará co apoio de Juanjo de la Cerda, director corporativo de I+D e Calidade de Nueva Pescanova, Carlos Alberte, director técnico de viticultura de Viña Costeira, e Antón García, CEO de Corporación Laber, no programa de mentoring para dar resposta ao reto de sustentabilidade e packaging.
Hk:coffee: startup lucense, impulsada na II edición do programa de aceleración de BFFood, que ofrece un sistema de monitorización e análise de datos para a canle Horeca baseado en Internet of Things. Dá resposta ao reto de dixitalización e automatización e estará mentorizada por Alejandro Álvarez, director financeiro de Cafés Candelas.
Kiwanda Food: esta iniciativa de Santiago de Compostela participou, tamén, na II edición do programa de aceleración de BFFood. Ofrece solución de stocks, trazabilidade e control de mermas para empresas hortofrutícolas, mediante a tecnoloxía RFID. Responde ao reto de loxística e estará acompañado por José Carlos Vila, director xeral de Kiwi Atlántico, no programa de mentoría.
Mobitec: este proxecto procedente de Vigo achega servizos de tracking en liña de mercadorías e bens, intermodal e en tempo real, independente do medio de transporte utilizado. Dá resposta ao reto de loxística e contará co apoio de Iago Candal, deseño & innovación manager de DS Smith, no proceso de mentoring.
Wapping: innovadora plataforma SaaS destinada a retailers e marcas para analizar o comportamento dos seus clientes e fidelizalos, que foi desenvolvida por emprendedores coruñeses. Dá resposta ao reto de innovación de procesos e comercialización e estará mentorizada por Carmen Lence, CEO de Lence (Grupo Leche Río), e Mónica Cascallar, directora de innovación de Congalsa.
Proxectos seleccionados programa de aceleración
Advanced Optical Technologies (AOTECH): proxecto procedente de Bilbao que ofrece solucións fotónicas para a automatización dos procesos industriais alimentarios. Dá resposta ao reto de trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria e contará coa mentoría de Antón García, CEO de Corporación Laber.
Eliter: proxecto lucense que desenvolveu unha ferramenta que garante a trazabilidade dos becerros desde a súa explotación de orixe, a través dun rexistro blockchain, co obxectivo de garantir que cumpren con uns parámetros de idade, sanidade e benestar idóneos. Ofrece solución ao reto de trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria e contará coa mentoría de Rubén Hidalgo, director de innovación e emprendemento de CAPSA FOOD (Larsa), e Ángel Pereira, Chief Innovation Officer de Galacteum.
Ghop – Tendas intelixentes: esta iniciativa procedente de Madrid baséase no desenvolvemento de tendas intelixentes sen persoal, enerxeticamente autosuficientes e cunha estrutura de contedores marítimos xa usados. Dá resposta ao reto de innovación de procesos e comercialización e estará mentorizada por Antonio Cortés, director de responsabilidade social corporativa de Gadis.
INGAL – Insectos de Galicia: iniciativa procedente da Coruña que se basea na produción de fariñas e proteínas de insectos para o sector avícola e acuícola. Ofrece resposta ao reto de desenvolvemento de novos produtos e contará coa mentoría de Gabriela González, directora de responsabilidade social empresarial de Vegalsa Eroski.
KaldoS: iniciativa lucense que traballa no aproveitamento do soro de queixería para obter bebidas dirixidas á canle Horeca, mediante distintos procesos de fermentación (alcohólica, láctica, carbónica ou acética). Aporta solución ao reto de sustentabilidade e packaging e contará con Pablo Gómez, director división láctea de CLUN, Carmen Lence, CEO de Lence (Grupo Leche Río), e Ángel Pereira, Chief Innovation Officer de Galacteum, no programa de mentoring.
Mindsaic: startup de Madrid especializada na creación de asistentes avanzados artificiais. A súa plataforma para o modelado e implementación áxil de intelixencia artificial conversacional é capaz de disparar procesos na infraestrutura tecnolóxica do cliente durante a conversa co usuario. Dá resposta ao reto de innovación de procesos e comercialización e estará apoiada no programa de mentoría por Gabriela González, directora de responsabilidade social empresarial de Vegalsa Eroski.
ODSProtein: proxecto de emprendedores vigueses que desenvolveron unha proteína alternativa de alto valor a partir do fungo Fusarium Venenatum cunha formulación e textura idónea para ser incorporada a produtos alimenticios. Ofrecen resposta ao reto de desenvolvemento de novos produtos e estarán mentorizados por Rubén Hidalgo, director de innovación e emprendemento de CAPSA FOOD (Larsa), e Antón García, CEO de Corporación Laber.
TOTALGAC Food: startup procedente de Logroño que ofrece un sistema intelixente e predictivo de ciberseguridade para infraestruturas alimentarias. Aporta solución ao reto de dixitalización e automatización e traballará co apoio de Ángel Pereira, Chief Innovation Officer de Galacteum, no programa de mentoría.
Comparte esta noticia




