INFODAY ONLINE DA CONVOCATORIA PARA A VII EDICIÓN DA BFFOOD
A Business Factory Food (BFFood) é o programa de referencia en Galicia para a incubación, aceleración e consolidación de proxectos emprendedores innovadores no sector alimentario. A aceleradora, promovida pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado (XesGalicia), está coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e conta co apoio de empresas líderes no sector.
Obxectivo do INFODAY online
O obxectivo deste webinar, que terá lugar o 23 de abril de 2025 ás 13:30h, é dar a coñecer as novidades da aceleradora BFFood, así como os detalles da nova convocatoria, e os recursos que BFFood pon ao servizo dos proxectos participantes. Así mesmo, os participantes poderán formular todas as súas dúbidas con respecto ao programa e á convocatoria.
Convocatoria para VII Edición
Co obxectivo de fomentar a innovación e o emprendemento no ámbito agroalimentario, BFFood axudará a converter proxectos prometedores e con potencial en negocios viables e escalables a través da súa VII Edición. Desde o 12 de marzo, os emprendedores interesados poden acceder ao formulario de inscrición dispoñible na páxina web da BFFood e presentar a súa candidatura para formar parte desta iniciativa que conecta talento, industria e recursos estratéxicos para o crecemento do ecosistema alimentario.
Os proxectos que opten á fase de incubación/ aceleración poderanse presentar ata o 30 de abril, mentres que os proxectos que opten á fase de consolidación poderán facelo ata o 2 de setembro.