Participación agrupada en Food 4 Future. Pavillón Galicia

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza unha participación agrupada de startups e entidades socias na feira expositiva Food 4 Future, que terá lugar do 13 ao 15 de maio en Bilbao. Este encontro consolidouse como unha plataforma clave de innovación para o sector da alimentación e bebidas, sendo unha oportunidade para descubrir novas tecnoloxías e solucións en sustentabilidade, saúde e dixitalización en toda a cadea de valor alimentaria, ademais de permitir ás empresas participantes exhibir os seus produtos e conectar cos seus compradores.

Nesta edición, algunhas das principais tendencias que marcarán o evento serán o auxe da innovación baseada en produtos vexetais, as prácticas sustentables para un futuro máis responsable, a dixitalización na produción de alimentos, a personalización e a experiencia do consumidor, o benestar e a saúde como prioridades, a seguridade e calidade alimentaria, así como a aparición de novas fontes de alimentación.

FoodTech Startup Forum

Neste contexto, Food 4 Future impulsa o FoodTech Startup Forum, unha iniciativa que busca startups con potencial para transformar o sector foodtech, facilitándolles o acceso a investidores, capital risco, grandes empresas e outras oportunidades de colaboración.

Pavillón Galicia FoodTech en Food 4 Future

Aproveitando a relevancia deste evento, Clusaga promove a participación conxunta no Pavillón Galicia FoodTech a través de dúas modalidades:

i) Proxectos de emprendemento e startups da Business Factory Food (BFFood)

ii) Outras entidades e empresas do ámbito tecnolóxico.

A execución desta acción está suxeita a acadar un mínimo de oito participantes. A participación para as startups de BFFood é gratuíta (deberán cubrir os seus gastos de desprazamento, aloxamento e manutención), tendo prioridade as de edicións máis recentes. Para outras entidades, o custo é de 2.800 € + IVE. A manifestación de interese debe realizarse a través do formulario dispoñible a continuación antes do 5 de marzo. Para máis información, pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo idi@clusaga.org ou no teléfono 682 616 021.

MANIFESTACIÓN DE INTERESE

Detalles da programación de eventos

  • 5 Marzo 2025
Programa
Compartir
Engadir ao Calendario