O responsable de Business Factory Food (BFFood), Javier A. Osuna, presentará o venres 4 de decembro a terceira edición da aceleradora a partir das 12.45 horas na xornada online “Transferencia tecnolóxica” organizada por ANFACO-CECOPESCA, entidade membro do comité técnico de BFFood.
Nela presentaranse, ademais, proxectos de biotecnoloxía e industria 4.0 vixentes na actualidade que están liderados pola industria alimentaria, así como outras iniciativas encamiñadas a fomentar a posta en marcha de solucións innovadoras que impulsen novos modelos de negocio.
A xornada online estará distribuída en dous bloques. No primeiro deles presentaranse proxectos de biotecnoloxía aplicada ao desenvolvemento de alimentos funcionais, seguros e adaptados a segmentos específicos da poboación, e participarán empresas como Nueva Pescanova, PORTO-MUÍÑOS, Hijos de Rivera e Betelgeux-Christeyns.
Será no segundo bloque no que se presentará a terceira edición do programa de aceleración e consolidación de Business Factory Food, cuxo período de recepción de candidaturas permanece aberto até o 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas.
Ademais, neste bloque as empresas Grupo Emenasa e Peixes Rubén presentarán proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías de control e procesado na industria 4.0.
As persoas interesadas en asistir a esta xornada online deben inscribirse a través do formulario que atoparán facendo clic no botón “inscribirse” que aparece a continuación.